O acto de entrega de premios estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña
Máis de 3.100 escolares participaron na edición 2017-2018 do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen fume

Esta iniciativa, organizada pola Consellería de Sanidade, ten como principal obxectivo evitar que os escolares se inicien no consumo de tabaco

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe, no Palacio de Congresos e Exposicións, o acto de entrega de premios do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen Fume, que organiza a Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta edición 2017-2018 participaron un total de 3.123 escolares de 137 aulas, procedentes de 40 centros diferentes de toda Galicia. O principal obxectivo deste concurso educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, atrasar a idade dese inicio.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación; José Manuel Piñal; así como polo director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, felicitou aos escolares e aos seus titores que, ao longo de seis meses, traballaron en distintas actividades para coñecer por eles mesmos os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. Sinalou, ademais, a imaxinación e o bo facer nas actividades realizadas polos escolares.

“Agora xa sabedes que calquera consumo ou exposición pasiva pode ocasionar enfermidades, non existe ningún consumo seguro, exento de risco, por iso o único que vale é o consumo cero”, -díxolle Almuiña aos escolares-.

Actividades e premiados

Clases sen Fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de 1º e 2º de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Con esta iniciativa, que forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Educación, búscase o compromiso colectivo de toda a clase, é dicir, alumnado e titor, para estar 6 meses sen fumar durante o curso escolar. Neses meses os escolares realizan actividades creativas en relación coa prevención do tabaquismo e traballan as unidades didácticas relacionadas co tema.

Na edición deste ano resultou premiado no apartado a mellor eslogan (“Fai unha boa elección ao saír do cascarón”) o curso 1º A do CPR Sagrado Corazón de Celanova (Ourense). O primeiro premio de actividade creativa (“Ti decides”) foi para 2º C do IES de Poio (Pontevedra). Na categoría de Clases sen Fume, o premio foi para 1º B CPR Compañía de María (Pontevedra). Tamén resultou premiado o curso 2º A do IES Pedregal de Irimia (Lugo) no apartado de actividade creativa: (“Que o fume se esfume”) (2º premio).

Recibiron accesits, o curso 1º A do IES Terra de Soneira (A Coruña) “Paco deixa o tabaco”; 2º A IES Antón Losada Diéguez (Pontevedra) “Apaga o lume e ponte límites”; 1ºB IES Eusebio da Guarda (A Coruña) “A vida dos teus pulmóns”; e 2 A do IES Politécnico de Vigo (Pontevedra) “Sketch contra tabaco”.

Sinalar, por último que esta é a 15 edición do programa, que contou coa colaboración de patrocinadores externos, que foron o Concello de Cerceda, a empresa Monbús e a Cooperativa CLUN.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/06/2018