Economía premia ao Colexio Plurilingüe Domaio de Moaña con varios galardóns no certame ‘Cooperativismo no ensino’

A Xunta busca con este concurso, no que o colexio de Moaña gañou na modalidade artística, promover os valores da economía social entre os estudantes

Os colexios que reciben este ano o recoñecemento son tamén o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa, en Pontevedra; o CEIP San Miguel Reinante, en Barreiros, e o CIFP As Mercedes, de Lugo; o IES de Melide, o CPI O Cruce, en Cerceda, e o CIFP Someso, da Coruña

A iniciativa galardoa os mellores traballos dos alumnos en tres modalidades: artística, actividades cooperativizadas e proxectos empresariais

Como novidade este ano increméntase as contías deste concurso, que contan cunha dotación económica de 28.000 euros, un 12% máis que na edición anterior

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2018
  • whatsapp

O colexio plurilingüe Domaio, de Moaña (Pontevedra), recibiu hoxe os premios do certame Cooperativismo no Ensino co que a Xunta promove entre os estudantes a economía social difundindo os valores e principios cooperativos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de fallar os premios deste concurso do que tamén resultaron galardoados nesta edición 2018 o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa, Pontevedra; o CEIP San Miguel Reinante, en Barreiros, e o CIFP As Mercedes, de Lugo; o IES de Melide, o CPI O Cruce, en Cerceda, e o CIFP Someso, da provincia da Coruña.

O concurso está dirixido a promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria obrigatoria, Educación Especial, Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial de Galicia impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nestes centros educativos. No desenvolvemento destas actuacións, os alumnos e alumnas potencian e propician os valores e principios que inspiran o cooperativismo.

Outorgouse un premio e un accésit nas seguintes categorías: actividades artísticas como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; actividades cooperativizadas para os centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial; e proxectos empresariais para os centros de Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial.

Deste xeito, en actividades artísticas o premio ao mellor traballo de Educación Infantil recaeu no alumnado de segundo ciclo do CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña) por Un mar de ideas, un traballo cooperativo; e o accésit no CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros) por Bamboleo. Os alumnos e alumnas de primeiro e segundo curso de Educación Primaria do CEIP plurilingüe Domaio (Moaña) obtiveron o primeiro galardón por Coñecer o pasado para construír xuntos o futuro; e o accésit foi para o CEIP de Sestelo-Baión (Vilanova de Arousa) por Dixitalización do proxecto das terras raras.

Na modalidade de terceiro e cuarto curso de Educación Primaria, o premio ao mellor labor foi para o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña) por Coidar o planeta é responsabilidade de todos; e o accésit foi para o CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros) por Coópera.

O galardón para o alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria foi para o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña) polo traballo Cooperando... facemos a mellor das historias; e o accésit para o CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros) por Unha fórmula para cooperar.

Na categoría de actividades cooperativizadas, o premiado foi o IES de Melide por Asemblea Xeral e o accésit recaeu no CPI O Cruce de Cerceda.

Por último, o galardón ao mellor proxecto empresarial cooperativa foi para o CIFP As Mercedes de Lugo por Radon Innova Solucións (Radis) e o accésit para o CIFP Someso da Coruña por Aura.

Contía dos premios

Como novidade este ano increméntase as contías dos galardóns. En total estes premios contan cunha dotación económica de 28.000 euros, un 12% máis que na edición anterior.

Os centros premiados nas categorías artísticas e actividades cooperativizadas recibirán 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros do pasado ano, que terán que ser destinados á compra de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro. A Consellería tamén fallou un accésit por cada categoría dotado con 1.500 euros (o pasado ano era de 1.000 euros), unha cantidade que terá que utilizarse tamén para os fins detallados. Os importes dos distintos premios poden acumularse nos centros que resultaron gañadores con máis dun premio. Ademais, o alumnado dos centros premiados poderá gozar dun espectáculo da Compañía Ghazafellos co que se amenizarán os actos de entrega dos galardóns como hoxe no colexio de Moaña.

Na modalidade de proxectos empresariais, a mellor iniciativa recibirá un premio de 4.500 euros, ao igual que na edición anterior, que se repartirá entre o alumnado que elaborou a iniciativa premiada. O accésit nesta categoría é de 2.500 euros e se outorga ao proxecto finalista.

Os Premios á Cooperación entregaranse no Día do Cooperativismo, que se celebra o 7 de xullo, cos que se recoñecen os valores cooperativos; o mellor proxecto cooperativo novo; e a traxectoria cooperativa. Cada unha das categorías será galardoada con 5.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/06/2018