A Xunta celebra o 25 aniversario do centro sociocomunitario de Teis que favorece as relacións das persoas maiores e a vida activa

O local conta cunha media diaria de 450 usuarios que poden participar en actividades como petanca, coral, ximnasia, ioga ou musicoterapia, entre outras

A rede pública de centros sociomunitarios está formada por 44 equipamentos, todos eles de carácter polivalente e con capacidade para acoller un amplo abano de actividades de carácter cultural, lúdico, formativo e de mantemento persoal
 

Teis (Pontevedra), 13 de xuño de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, visitou hoxe o centro sociocomunitario de Teis con motivo do 25 aniversario destas instalacións que acollen a unha media diaria de 450 usuarios. Un percorrido que fixo acompañado do delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves.

Parrado salientou hoxe o carácter polivalente e aberto do centro durante o seu percorrido polas instalacións. O responsable deste departamento autonómico referiuse á importancia deste tipo de centros para “o fomento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar as relacións entre os distintos sectores da poboación, cunha especial atención ás iniciativas relacionadas coa prevención da dependencia e a autonomía persoal”.

No caso do centro sociocomunitario de Teis, os usuarios poden participar en actividades como petanca, coral, ximnasia, ioga ou musicoterapia, entre outras, así como facer uso da biblioteca, sala de prensa, mesa de xogos ou dos ordenadores. O director xeral felicitou ao persoal do centro polo seu labor e polo impulso diario que dan a este centro para ofrecer un servizo próximo e de calidade aos usuarios.

Nesta liña, Arturo Parrado puxo en valor este tipo de centros como “recursos idóneos para propiciar as relacións sociais”, así como para o desenvolvemento de actividades “encamiñadas a propiciar unha vida activa e participativa”. Na actualidade, a Consellería de Política Social ten en funcionamento 44 centros sociocomunitarios ao que destina 1,6 millóns de euros e que son utilizados anualmente por ao redor de 30.000 persoas. Destes equipamentos, 16 están emprazados na provincia de Pontevedra, 13 na da Coruña, 11 na de Ourense e 4 na de Lugo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/06/2018