A Xunta pon en valor os valores do cooperativismo coa posta en escena dun espectáculo teatral na cidade de Ourense

A actividade forma parte da programación que o Goberno galego está desenvolvendo no mes previo ao Día do Cooperativismo Galego, que se conmemora o primeiro sábado de xullo

O evento terá lugar mañá xoves, ás 20.30 horas, na praza de San Martiño
 

Ourense, 13 de xuño de 2018
  • whatsapp

Ao longo do mes de xuño a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a desenvolver en todo Galicia múltiples actividades para amosar á cidadanía o labor que desenvolven, os valores e o funcionamento en xeral das cooperativas, con motivo da celebración do Día do Cooperativismo, que ten lugar cada primeiro sábado do mes de xullo.

“A tropa do doutor milagre: Cooperando facemos a viaxe” é o título do espectáculo de artes escénicas da compañía Inventi Teatro que chegará maña, xoves, ás 20.30h á Praza San Martiño de Ourense dentro do programa Cooperativismo en movemento. Con esta iniciativa, promovida polo departamento autonómico dirixido por Francisco Conde, darase a coñecer o mundo das cooperativas e os valores que promove este modelo empresarial.

O obxectivo é achegar ao público os beneficios do traballo conxunto a través dunha espectacular escenografía, música, improvisación, xogo, baile e maxia.

De xeito paralelo, instalarase unha exposición informativa sobre as cooperativas que poderá visitarse no mesmo espazo no que se desenvolverá o espectáculo teatral.

A obra ten unha duración dunha hora aproximadamente e no caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan o seu desenvolvemento ao aire libre, a actuación trasladarase ao auditorio municipal.

Este evento teatral enmárcase na programación que se iniciou nas localidades de Marín e Viveiro, e que terá continuidade o domingo que vén, ás 19.00 horas en Lalín; o día 20 de xuño, as 20.00 horas en Lugo; para rematar o día 27 na Estrada, as 12.00 horas.

Data de actualización: 13/06/2018