A Xunta licita por 4 millóns a obra do CEIP Novo Mesoiro, que este ano será o único centro de nova construción na provincia

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou en rolda de prensa o proxecto que sairá a licitación hoxe

O centro ocupará unha superficie de 3.100 m2 e disporá de dúas pistas polideportivas, ximnasio, sala de usos múltiples, biblioteca e espazo para 18 unidades educativas

A Coruña, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou, en rolda de prensa, o proxecto para o CEIP de Novo Mesoiro, cuxa licitación por case 4 millóns de euros, sairá publicada hoxe na plataforma de Contratación da Xunta de Galicia. No acto estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana.

O colexio ocupará unha parcela de algo máis de 8.600 metros cadrados, está situado no barrio de Novo Mesoiro, na parcela dos antigos hortos urbanos, e terá unha superficie útil construída de 3.100 metros cadrados. Entrará a funcionar no curso 2019/2020 e terá capacidade para dúas unidades por cada curso, polo tanto, un total de 18 unidades, 6 aulas de infantil e 12 de primaria, cunha capacidade global de 450 alumnos. Disporá de dúas pistas polideportivas de 40x20 metros, unha delas cuberta, Cumprirá tamén con todos os requisitos de accesibilidade para o correcto uso e funcionamento do colexio.

O centro contará cunha aula de música, catro zonas de espazo educativo, unha sala de música e informática, unha sala de usos múltiples, un comedor e un ximnasio con vestiarios. Polo demáis, o CEIP cumprirá con todos os estándares do máximo nivel en canto a equipamentos, espazos e superficies tanto exteriores como interiores para que a actividade docente poida desenvolverse do mellor xeito posible.

O delegado territorial destacou que “este centro é unha demanda histórica do barrio e chegar ata aquí non foi fácil porque foron moitos os atrancos que tivemos que superar”. Ademais, apuntou que “Novo Mesoiro contará cun centro educativo de primeiro nivel que recibirá a maior inversión económica da provincia no eido educativo e será o único novo colexio de nova construción que se fará na provincia no 2018”. Con este novo CEIP “blíndanse as necesidades educativas de educación infantil e primaria neste barrio que conta cunha poboación aproximada de máis de 7.300 habitantes”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018