A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar estas actuacións por preto dun millón de euros
A Xunta iniciará na segunda quincena de xullo as obras de mellora na Ponte da Barca, entre Pontevedra e Poio

As actuacións foron adxudicadas á empresa Civis Global e teñen un prazo de execución de 5 meses

Para minimizar o impacto no tráfico, deseñarase un plan co que durante o día se poidan manter os dous sentidos de circulación, salvo en situacións puntuais, e que pola noite se leven a cabo as afeccións necesarias

Os traballos inclúen a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas, unha nova estrutura de madeira especialmente deseñada para evitar a acumulación da auga e a cuberta será de aluminio para garantir a maior resistencia

Nesta obra empregaranse materiais máis duradeiros e en perfecta sintonía co medio, dun xeito integrado coa paisaxe

Tamén se porá en valor esta infraestrutura, iluminando tanto a propia ponte como a estrada con proxectores led, que mellorarán a estética realzando a estrutura

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar por preto dun millón de euros as obras da Ponte da Barca entre Pontevedra e Poio, que comezarán na segunda quincena do mes de xullo.

As obras de reparación da Ponte da Barca, na estrada PO-531 acaban de ser adxudicadas a empresa Civis Global, S.L.U, cun prazo de execución de 5 meses.

Para minimizar o impacto no tráfico, deseñarase un plan co que durante o día se poidan manter os dous sentidos de circulación, salvo en situacións puntuais, e que pola noite se leven a cabo as afeccións necesarias.

Os traballos enmárcase na aposta que, desde o Goberno galego, se ven realizando para manter en perfectas condicións a rede de estradas de titularidade autonómica. Para isto, o Executivo autonómico realizou unha importante análise e revisou toda a estrutura ao longo do pasado ano, resultado de dito estudo é o proxecto que hoxe se presentou aos concellos beneficiados.

As actuacións suporán a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas; construirase unha nova estrutura de madeira, cun tratamento protector que estará especialmente deseñada para evitar a acumulación da auga e a cuberta será de aluminio para evitar un rápido deterioro e garantir a maior resistencia.

Nesta obra empregaranse materiais máis duradeiros e en perfecta sintonía co medio, dun xeito integrado coa paisaxe. Ademais, levaranse a cabo outras accións importantes para a conservación da propia ponte, para incrementar a súa vida útil, como o selado de fisuras; a mellora evacuación das augas; a reparación dos sumidoiros; ou o repintado da estrutura.

Así mesmo, iluminarase tanto a propia ponte como a estrada con proxectores led, que mellorarán a estética realzando a estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética e un aforro no consumo.

Lembrar que o proxecto ten selo galego, posto que foi realizado por unha enxeñería galega especializada en estruturas, o que garante que as actuacións que se van levar a cabo son resultado dunha minuciosa avaliación por parte de técnicos especialistas en ofrecer solucións duradeiras neste tipo de estruturas e coa utilización, ademais, de materiais tradicionais, materiais galegos, como pode ser a madeira.

Data de actualización: 14/06/2018