O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, xunto coa delegada territorial do Goberno galego en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou hoxe aos representantes locais do proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia
A Xunta chama á máxima participación dos concellos de Ourense para acadar un transporte público sustentable que responda ás necesidades reais da cidadanía

Ignacio Maestro avanza que haberá xuntanzas individuais concello a concello para acadar uns servizos axeitados á Galicia do século XXI

Subliña que na provincia de Ourense, a 1ª fase do Plan de transporte supuxo multiplicar por 4 o número de paradas, de 1.500 a 5.350, e poñer en marcha 304 liñas de transporte baixo demanda e 262 liñas de autobús compartido que utilizaron máis de 6.500 usuarios non escolares cada mes

Adianta que na 2ª fase do Plan incluirase a totalidade dos municipios e das liñas de transporte da provincia, 461 liñas interurbanas que prestan servizo nos 92 municipios

Lembra os pasos que está a dar o Goberno galego, desde que no mes de maio someteu a información pública o documento base do Plan de Transporte Público de Galicia, e que agora continua co proceso de consultas e o traballo de campo

Salienta que nos vindeiros meses seguirá o proceso de participación para acadar uns servizos que responda con eficacia ás demandas de mobilidade da cidadanía no ano 2019, data de caducidade das actuais concesións

Ourense, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, chamou hoxe á implicación e máxima participación de cada un dos concellos de Ourense, para xuntos acadar un transporte público sostible e eficiente, que de resposta ás necesidades e demandas reais da cidadanía.

Maestro, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, solicitou deste xeito a implicación das administracións locais da provincia ás que informou en detalle do proceso posto en marcha desde a Xunta para a elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia, de cara ao ano 2019, data de caducidade das actuais concesións.

Con motivo dos encontros programados esta semana pola Xunta nas distintas cidades galegas para informar sobre o proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia, Ignacio Maestro sinalou que esta reunión marca o inicio do proceso de consultas, que seguirá con xuntanzas individuais concello a concello, coa vista posta en acadar uns servizos axeitados ás demandas da Galicia do século XXI.


Neste senso expresou o interese da Xunta por coñecer as súas prioridades e propostas por ser as entidades locais as máis próximas aos cidadáns, amosando tamén a súa confianza en que as súas achegas sirvan para potenciar a cobertura territorial da rede de transporte público, así como para renovar e modernizar as liñas de transporte por estrada de toda Galicia.

Destacou o traballo que está a realizar o departamento dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e falou do camiño iniciado en agosto de 2017 coa posta en marcha da primeira fase do Plan de transporte público, que na provincia de Ourense abrangueu 451 liñas e 92 concellos, e que permitiu acadar o obxectivo prioritario de que os veciños non estivesen un só día sen transporte. Tamén posibilitou ampliar e mellorar os servizos aos cidadáns, ofrecendo unha mellor cobertura territorial e con tarifas máis económicas.

Ignacio Maestro dixo que na provincia de Ourense, a 1ª fase do Plan de transporte supuxo case que multiplicar por 4 o número de paradas, pasando de 1.500 a 5.350. E engadiu que permitiu poñer en marcha novas modalidades, como as 304 liñas de transporte baixo demanda e 262 liñas de autobús compartido, que están sendo utilizadas por máis de 6.500 usuarios non escolares cada mes, e que teñen suposto grandes beneficios para os veciños do rural.

Destacou que agora na 2ª fase do Plan incluiranse a totalidade dos municipios e das liñas de transporte da provincia, 461 liñas de interurbanas que prestan servizo nos 92 municipios, e expresou a súa a confianza de que estes encontros, que xa se celebraron na Coruña e Lugo, sexan útiles e frutíferos de cara a potenciar a rede de transporte público, ofrecer máis e mellores servizos e facilitar a mobilidade da xente.

O director xeral de Mobilidade referiuse aos pasos que está a dar o Goberno galego, desde que no mes de maio someteu a información pública o documento base do Plan de Transporte Público de Galicia.

Salientou que agora a Xunta continua o proceso de consultas e o traballo de campo, a través destas reunións conxuntas con concellos e deputacións, e posteriormente se celebrarán reunións individuais con cada un dos 313 concellos de Galicia. Tamén tense previsto a realización de enquisas en centros sanitarios, educativos, administrativos e parques empresariais, ademais de estacións e paradas de buses, para coñecer as demandas existentes.

Rematou lembrando que nos vindeiros meses se seguirá co proceso de escoita activa e participación continuada, para mellorar os servizos e para que Galicia teña en 2019 un transporte público que responda con eficacia ás demandas de mobilidade da cidadanía.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018