Política Lingüística convoca prazas nos lectorados de Oxford, País Vasco, París e San Paulo

A convocatoria está aberta a titulacións de filoloxía e de tradución e interpretación

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de xuño
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou a través do Diario Oficial de Galicia (DOG nº 99 do 25 de maio) catro prazas noutros tanto lectorados de lingua, literatura e cultura galegas da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta. Trátase de dúas prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades do País Vasco e de Oxford (Reino Unido) e doutras dúas bolsas de formación nos lectorados de París (Francia) e San Paulo (Brasil). O texto íntegro das dúas convocatorias pode consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal. As persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria poderán presentar as súas solicitudes ata o día 25 de xuño de 2018.

Titulacións requiridas

Poderá solicitar as prazas e bolsas nos lectorados das universidades do País Vasco, París e San Paulo quen estea en posesión das licenciaturas en filoloxía galega ou en filoloxía románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego; grao en lingua e literatura galegas; grao en estudos de galego e español e grao en galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios.

Para a praza do Reino Unido cómpre estar en posesión, ben da licenciatura en tradución e interpretación (sempre que, como mínimo, se acrediten 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias de Inglés), ben do grao en tradución e interpretación (sempre que, como mínimo, se acrediten 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias de Inglés). Por seren prazas de formación, requírese para este caso ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Proxección exterior do galego

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia está integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- para o coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A maioría destes centros -en concreto, 27- vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.
 

Data de actualización: 14/06/2018