Nava Castro visita o novo espazo de información turística de Galicia impulsado pola Xunta no Centro Galego de Barcelona

As obras de rehabilitación das dependencias e a posta en funcionamento foron posibles ao abeiro dun convenio entre Turismo de Galicia e esta entidade

Enmárcase na aposta do Goberno galego por reforzar os servizos e a atención aos viaxeiros e por poñer en valor este punto de encontro tamén clave no eido turístico
 

Barcelona, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o novo espazo de información turística da Comunidade impulsado pola Xunta no Centro Galego de Barcelona. Trátase dun recinto situado nun edificio emblemático do paseo das Ramblas e que se está a converter en referencia para as persoas interesadas en coñecer Galicia e en recibir información sobre os seus recursos e o Camiño de Santiago.

Esta nova infraestrutura permitirá difundir información aos viaxeiros sobre a oferta galega e os seus atractivos, eventos e actividades de interese, experiencias turísticas recomendadas, lugares de aloxamento, restaurantes ou transportes, entre outros. Tamén se poderá repartir material práctico sobre os itinerarios xacobeos en Galicia.

Este novo espazo foi posible grazas a un convenio de colaboración asinado o ano pasado entre Turismo de Galicia e esta asociación sociocultural, en virtude do cal, o Goberno autonómico sufragou as obras de rehabilitación así como a súa posta en funcionamento.

Impulso á promoción galega

Esta acción enmárcase nos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, coa que a Xunta aposta por un turismo tranquilo e de calidade. Grazas a ela refórzanse os servizos e a atención aos viaxeiros con puntos informativos, impúlsase a promoción turística galega e ponse en valor este lugar de encontro da cidade de Barcelona, clave tamén no eido turístico.

O Centro Galego de Barcelona é unha asociación de carácter sociocultural sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que realiza actividades para os galegos que se atopen en Cataluña, así como todas aquelas persoas interesadas no noso destino. Fundado en 1892, este centro fomenta o coñecemento de Galicia, da súa xente, cultura, lingua, enogastronomía e turismo e conta cunha importante raizame histórica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018