A Xunta pon en marcha a primeira convocatoria das unidades formativas en empresas con 332 cursos dirixidos a 3.200 persoas

Este programa conta cunha achega de 5,4 millóns de euros: 3,1 M€ destinados a mellorar a cualificación de 2.000 traballadores ocupados e 2,3 M€ orientados a desempregados

Estas unidades contarán con formación á carta en sectores estratéxicos, como o naval, a automoción, o aeronáutico, o forestal, o téxtil, as enerxías renovables ou a conserva
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a posta en marcha da primeira convocatoria das unidades formativas en empresas que, cunha achega de 5,4 millóns de euros, permitirá desenvolver 332 cursos para dar formación adaptada ás demandas do tecido empresarial a 3.200 persoas, tanto desempregados como ocupados.

Trátase do programa de formación máis ambicioso do Estado que está dirixido ao tecido empresarial, o único programa de formación á carta. O presidente do Goberno galego precisou que estas unidades estarán centradas nos sectores estratéxicos da economía galega. Así, no sector naval formaranse máis de 1.000 persoas, a través de 139 cursos; na automoción serán máis de 800 persoas en 66 cursos; no sector TIC, 431 traballadores por medio de 51 unidades; e no metal formaranse unha 340 persoas a través de 31 cursos.

Así mesmo, tamén contarán con formación á carta en sectores como a conserva, o aeronáutico, o forestal, a pedra e a lousa, o téxtil, o sociosanitario, as enerxías renovables e os vinculados ao plástico e envases.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que as axudas para as unidades formativas dividiranse en dúas modalidades: as dirixidas a traballadores ocupados, nas que se investirán 3,1 millóns para mellorar a cualificación de 2.000 persoas; e as orientadas a desempregados, cun investimento de 2,3 millóns para chegar a 1.200 persoas.

“No caso destas últimas, as empresas comprométense a contratar ao 40% das alumnas e alumnos”, dixo, subliñando que aquelas compañías que superen o compromiso de contratación contarán con apoio da Xunta para as fichaxes, financiándose os contratos indefinidos con entre 7.000 e 16.000 euros.

Cómpre salientar que, a proposta das propias empresas, deseñáronse 27 programas de formación personalizados que foron aprobados polo Goberno central e que terán validez en toda España, entre os que destacan: a creación de dúas novas especialidades de soldadura; unha programación avanzada en materia de robótica industrial e técnicas de automatización; e, no sector naval, cursos especializados de electricista, aplicador e climatización.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018