O titular do Goberno galego presidiu a inauguración da exposición Capacitarte: unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria organizada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, FAXPG
Feijóo apela ao traballo conxunto entre administracións e axentes sociais para seguir construíndo unha Galicia para todos desde a visibilidade, a accesibilidade e a acción positiva

Asevera que a Xunta está a destinar neste 2018 máis de 100 millóns á atención das persoas con discapacidade, o que permite, por exemplo, seguir incrementando a partida destinada aos convenios coas federacións de discapacidade

“Sen vós non é posible acordar, deseñar proxectos, contidos nin programas”, di, en relación á FAXPG, lembrando que esa colaboración permitiu avanzar en moitos eidos

Resalta o labor desta federación que, tras case corenta anos de traxectoria, se converteu na voz das asociacións que hai nas sete cidades galegas

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao traballo conxunto entre administracións e axentes sociais para seguir construíndo unha Galicia para todos apostando pola visibilidade, a accesibilidade e a acción positiva.

Durante a inauguración da exposición Capacitarte: unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria organizada pola FAXPG, Feijóo aseverou que con este obxectivo a Xunta está a destinar neste 2018 máis de 100 millóns de euros á atención das persoas con discapacidade, o que permite, por exemplo, seguir incrementando a partida destinada aos convenios coas federacións de discapacidade; crear novas prazas de atención á discapacidade; incrementar, como xa se fixo, un 60% a orde de axudas a entidades de ámbito municipal para dotar os seus equipamentos de melloras en accesibilidade e á supresión de barreiras arquitectónicas; e ampliar os servizos da Rede Galega de Atención Temperá.

“Sen vós non é posible acordar, deseñar proxectos, contidos nin programas”, dixo, en relación á FAXPG, lembrando que esa colaboración permitiu avanzar en moitos eidos, como o desenvolvemento do servizo de atención psicolóxica e logopédica para familias e menores xordos implantados ou con prótese auditiva; ou a posta en marcha de dous programas formativos dos que se beneficiaron xa máis de 60 persoas.

Así mesmo, recordou que Galicia conta con dous representantes no grupo de traballo para o desenvolvemento da lei estatal de lingua de signos e medios de apoio á comunicación oral; e o convenio co CERMI, que o pasado ano subiu un 5% máis.

No Día Nacional das Linguaxes de Signos Españolas, Feijóo quixo destacar o traballo desta exposición para, a través das imaxes, dar a coñecer as distintas realidades e, sobre todo, mostrar o que está por facer. E concluíu resaltando o labor da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que, tras case corenta anos de traxectoria, se converteu na voz das asociacións que hai nas sete cidades galegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018