Conde pon en valor a aposta da industria alimentaria pola innovación para exportar a calidade galega a novos mercados

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago nos IV Premios Galicia Alimentación que outorga o Clúster Alimentario de Galicia e que recaeron nesta edición en Cafés Candelas, Conservas Portomar e a spin-off Quescrem

Sinala que a tradición, a I+D+i e a internacionalización contribúen á promoción da calidade e da imaxe dos produtos galegos

O titular de Economía apunta que este ámbito se está a afianzar no sector industrial de Galicia tras lograr máximos históricos en termos de produción, emprego e exportacións
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Santiago no acto de entrega dos IV Premios Galicia Alimentación, ao que tamén asistiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, o esforzo e a aposta da industria alimentaria de Galicia por abrirse, a través da innovación, a novos mercados exportando, deste xeito, a calidade e a imaxe dos produtos galegos.

Conde felicitou aos tres galardoados con esta iniciativa, que promove o Clúster Alimentario de Galicia, e coa que se recoñece o labor á internacionalización e á innovación do sector: as empresas familiares Cafés Candelas e Conservas Portomar e a spin-off Quescrem, que naceu na Universidade de Santiago. Destacou que os tres proxectos conxugan tradición, I+D+i e internacionalización, tres eidos que, en palabras do conselleiro, son clave para dar resposta ás demandas do consumidor. Resaltou, así mesmo, a importancia de apostar pola Industria 4.0, un ámbito que apoia a Xunta, e por fusionar investigación con produción.

Grazas a esta aposta, e, segundo apuntou Conde, a industria da alimentación e bebidas estase afianzando no sector industrial de Galicia tras lograr máximos históricos en termos de produción, emprego e exportacións. En innovación, este eido executa o 5,7% do gasto empresarial en I+D+i e, con respecto á internacionalización, acapara o 13,3% das exportacións galegas cun incremento nas vendas ao exterior de case un 9% con respecto a 2016. Ademais, é un sector que xera unha cifra de negocio próxima aos 8000 millóns de euros.

O titular de Economía, Emprego e Industria, para rematar, puxo en valor que as empresas alimentarias traballan porque a calidade dos produtos que chegan á mesa do consumidor estea ao máximo nivel, recordando que en Galicia a calidade dos seus produtos está avalada por unha trintena de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e polo selo Galicia Calidade que, na actualidade, certifica a excelencia de máis de 100 empresas do sector.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018