A Xunta impulsa o turismo mariñeiro con catro novos proxectos de cooperación dos grupos de acción local do sector pesqueiro

A Consellería do Mar subvenciona estas iniciativas por valor de máis de 277.000 euros ao abeiro da primeira fase da convocatoria de 2018 destas axudas

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre esta convocatoria de achegas que promoven a suma de sinerxías entre os grupos no desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras

Os catro proxectos aprobados son Mar de velas, Morada Atlántica+Espazo Atlántico, Posicionamento no mercado da Ruta dos Faros de Galicia-Margalaica e Mares de Experiencias
 

  • whatsapp

A Xunta aprobou axudas por valor de máis de 277.000 euros para catro proxectos de cooperación dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que buscan impulsar o turismo mariñeiro en Galicia. O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a convocatoria de 2018 destas achegas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.

A través delas, a Consellería do Mar promove a suma de sinerxías entre os GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. Tamén busca favorecer e apoiar a innovación e adquirir destrezas e medios que permitan mellorar as súas estratexias de desenvolvemento local participativo.

O informe reflicte que na primeira fase da convocatoria de 2018 destas axudas os catro proxectos aprobados son Mar de velas: deseño de rede de mariñas e navegación tradicional, Morada Atlántica+Espazo Atlántico e Posicionamento no mercado da Ruta dos Faros de Galicia-Margalaica, que se executarán nos anos 2018 e 2019. O cuarto proxecto é Accións de dinamización e promoción de Galicia norte, Mares de experiencias, que se executará durante este ano.

Mar de velas está promovido por catro grupos, que son o GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia, que é o coordinador; o GALP Golfo Ártabro Norte, o GALP Ría de Arousa e o GALP Ría de Pontevedra. Ten como obxectivo potenciar o uso e xestión de espazos destinados a promover as mariñas tradicionais e a explotación de actividades relacionadas. Para iso, no marco desta iniciativa elaborarase un plan estratéxico que permita a ordenación e xestión da oferta variada de embarcacións tradicionais establecendo un modelo de explotación delas. A Consellería do Mar subvenciona este proxecto con preto de 53.700 euros.

Morada Atlántica+Espazo Atlántico é unha iniciativa dos oito GALP que hai en Galicia, que son: GALP Costa da Morte, que é o coordinador; GALP A Mariña Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sustentable, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ría de Vigo-A Garda. Ademais conta coa colaboración de grupos andaluces, de Gran Canaria e tamén portugueses.

É a ampliación dun proxecto xa existente que foi subvencionado en 2016 e no cal comezaron dous GALP -Costa da Morte e Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sustentable-.Ten como obxectivo o desenvolvemento dunha iniciativa turística conxunta para o total da costa atlántica do espazo atlántico europeo. Tamén a posta en valor dos territorios atlánticos, tendo como como fío condutor a gastronomía e desenvolvendo a Rede espazos con contido museístico atlántico (Rema), especializada en cultura mariñeira. A Xunta apoia esta iniciativa con 123.500 euros.

Outro proxecto aprobado é Posicionamento no mercado da Ruta dos Faros de Galicia-Margalaica, tamén dos oito grupos que hai en Galicia. Con el buscan reforzar a Ruta dos Faros de Galicia, creada no marco do proxecto de cooperación Margalaica e subvencionado na convocatoria de axudas 2016 a este tipo de proxectos. Esta iniciativa está integrada por máis de 240 socios prestadores de servizos turísticos. Este proxecto inclúe accións como a creación de produtos turísticos e a organización dunhas xornadas para impulsar esta iniciativa. A Xunta subvenciónao con 54.850 euros.

O cuarto proxecto de cooperación subvencionado é Accións de dinamización e promoción de Galicia norte, Mares de Experiencias, promovido polo GALP A Mariña Ortegal, que é o coordinador, e o GALP Golfo Ártabro Norte. Busca poñer en valor o patrimonio cultural e patrimonial relacionado co sector pesqueiro e o turismo no territorio destes grupos e implicar a poboación local no coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio do mar. Para iso recolle accións como a realización de xornadas de difusión co obxectivo de adherir axentes turísticos locais e obradoiros para para coñecer os labores que levan a cabo colectivos profesionais como os de carpintaría ribeira, os do marisqueo e as redeiras. Esta iniciativa conta cunha axuda de máis de 45.100 euros.

A convocatoria destas axudas a proxectos de cooperación dos GALP inclúe unha segunda fase de adxudicación, que se realizará coas solicitudes presentadas ata o 1 de xullo e atendendo ao límite do crédito dispoñible.

Os GALP

Os grupos de acción local do sector pesqueiro dan continuidade ao traballo desenvolvido dende os grupos de acción costeira ou GAC. Son asociacións sen ánimo de lucro promovidas pola Unión Europea e compostas por entidades que representan os intereses socioeconómicos locais públicos e privados da zona que representan.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 14/06/2018