A Xunta apoia un consorcio de empresas galegas na súa busca de novos tratamentos contra o cancro

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou hoxe na presentación de resultados de Neogalfarm, liderado pola empresa biotecnolóxica Galchimia

O proxecto céntrase na busca de novos tratamentos fronte o cancro mediante o desenvolvemento de terapias dirixidas a diferentes dianas terapéuticas e de tratamentos combinados

A iniciativa recibiu apoio da Xunta a través do programa Conecta Peme, que persegue fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do sistema a través de proxectos de I+D+i en áreas estratéxicas para Galicia

O Goberno galego enmarca este apoio na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía en Galicia que prevé mobilizar 200 millóns de euros ata 2020
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na clausura da xornada de presentación das conclusións do proxecto Neogalfarm. Novos tratamentos contra o cancro: Desenvolvemento de terapias dirixidas a diferentes dianas terapéuticas e de tratamentos combinados, financiado polo programa Conecta Peme da Consellería de Economía, Emprego e Industria con cargo a fondos FEDER.

Argerey subliñou que este proxecto, que dá continuidade a outro iniciado hai cinco anos e que constituíu unha das primeiras plataformas galegas de investigación de fármacos en oncoloxía (Oncogalfarma) apoiado tamén pola Xunta, cumpre co principal obxectivo do programa Conecta Peme de GAIN: fomentar a cooperación entre as pemes galegas e o resto de axentes do Sistema Galego de Innovación a través do desenvolvemento de proxectos de I+D+i en áreas estratéxicas para Galicia.

Neste senso, Neogalfarm agrupa a un consorcio de empresas do sector biotecnolóxico galego como Galchimia, Oncostellae, AMSlab e Nanogap en colaboración con grupos de investigación da universidade (Grupo Biofarma, Grupo Galego de Investigacións Oncolóxicas, Grupo Química de Carbohidratos e ComBioMed da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Investigación Santiaria de Santiago e o Leitat Technological Center) referentes no desenvolvemento de ensaios farmacolóxicos nun ámbito estratéxico para Galicia, como é a biotecnoloxía.

A directora de GAIN apuntou outras iniciativas de apoio da Axencia Galega de Innovación no descubrimento de fármacos e terapias, que se suman aos proxectos biotecnolóxicos financiados a través da convocatoria Conecta Peme que nas últimas dúas edicións recibiron unha axuda pública de preto de 10 millóns de euros.

Entre eles destacou a creación da primeira incubadora de novos fármacos en colaboración coa empresa Janssen e a Fundación Kaertor, pioneira en España e que pretende converter a Galicia nun polo de innovación aberto no descubrimento de novos fármacos, ou a próxima posta en funcionamento dunha nova incubadora de alta tecnoloxía especializada neste sector, BioIncubaTech, liderada pola USC e cofinanciada pola Fundación Incyde con cargo a fondos FEDER e a Xunta, que conleva un investimento de 2 millóns de euros.

Argerey destacou ademais dúas liñas de axudas da Axencia Galega de Innovación nas que teñen un especial peso este tipo de proxectos, como son as Unidades Mixtas de Investigación e o programa Ignicia. As Unidades Mixtas de Investigación (UMI), que son alianzas de empresas punteiras e organismos de investigación para abrir e consolidar liñas de I+D+i estratéxicas, contan con dúas centradas neste ámbito: a UMI de desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica, formada pola Universidade de Santiago de Compostela e os Laboratorios Esteve; e a Unidade Mixta Roche-CHUS para oncoloxía de precisión, promovida polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e a empresa Roche Farma, cun investimento conxunto entre as dúas de 8,6 millóns de euros.

Por último, o programa Ignicia, que impulsa o acceso ao mercado de novos proxectos de investigación que xeren rendibilidade a través do financiamento da súa proba de concepto, apoiou nove proxectos na súa primeira edición, dos que seis pertencen ao sector da biotecnoloxía e tres están directamente vencellados ao desenvolvemento de novos fármacos e tratamentos.

Todas estas medidas enmárcanse na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía de Galicia 2016-2020 a través da que a Xunta está apoiando ás empresas do sector biotech co obxectivo de posicionar Galicia como un referente a nivel internacional e a través da que está previsto mobilizar 200 millóns de euros ata 2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018