A Xunta destaca en Lugo o papel da formación no impulso ao emprendemento e a innovación no sector comercial

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou os diplomas dun curso desenvolto en en colaboración coa Fundación Incyde que permitiu a 19 mozos desempregados formarse en márketing dixital e emprendemento

A Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación colaboran tamén en accións formativas dirixidas á mellora da competitividade do comercio galego
 

Lugo, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe en Lugo a formación como peza clave para impulsar o emprendemento e a innovación no sector comercial galego.

Vázquez Abeal entregou os diplomas do curso desenvolto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Incyde no Centro de Formación Ocupacional que permitiu formarse en márketing dixital e emprendemento a 19 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

Ao abeiro desta iniciativa, dirixida a persoas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, desenvólvense actuacións de formación individualizada nas que se orienta a cada participante en función do seu perfil profesional e da actividade de cada proxecto empresarial, ademais das sesións conxuntas de formación. Varios dos participantes emprenderán a curto prazo proxectos empresariais nos que aplicarán os coñecementos adquiridos, en ámbitos como o inmobiliario, os seguros, o deseño gráfico ou a produción audiovisual.

A iniciativa forma parte dos acordos de colaboración en materia de formación no eido comercial nos que a Xunta coopera coa Fundación Incyde, que contan cun orzamento conxunto de 300.000 euros e que inclúen tamén accións destinadas á creación e diagnose de plans de acción para a mellora da competitividade do sector.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018