Compostela acolle unha exposición temporal de alumnado da ESO sobre a ruta xacobea como patrimonio cultural

‘Tu Camino de Santiago, patrimonio de todos’ poderá visitarse no Centro Obra Social Abanca ata o día 16 de setembro

O secretario xeral de Cultura participou na inauguración da mostra, que presenta obras de 27 centros das comunidades que forman parte do Consejo Jacobeo
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

Santiago de Compostela acolle desde hoxe unha mostra temporal de alumnado da ESO de centros educativos das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago, na que os escolares plasman o seu coñecemento sobre o patrimonio cultural desta ruta milenaria e reflexionan sobre a importancia de conservala e potenciala. A exposición, que leva o título do proxecto educativo que lle deu orixe, Tu Camino de Santiago, patrimonio de todos, pode visitarse no Centro Obra Social Abanca ata o día 16 de setembro.

Durante o acto inaugural, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulles a benvida a Santiago de Compostela, meta do Camiño e escollida por iso como sede deste proxecto expositivo, ao tempo que lle agradeceu ao Consejo Jacobeo esta deferencia. Na apertura da mostra participaron tamén a subdirectora xeral de Cooperación Cultural con las Comunidades Autónomas do Ministerio de Cultura, Grial Ibáñez de la Peña; o presidente da Federación de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, Luis Gutiérrez Perrino, e o responsable institucional na Coruña de ABANCA, José Manuel Vilariño Orgueira.

Un proxecto integrador

Anxo Lorenzo puxo en valor “a creatividade e o esforzo” do alumnado que desenvolveu as iniciativas que fixeron posible esta exposición e lembrou que “en Galicia estamos moi orgullosos de ser a meta do Camiño e somos conscientes de que todo privilexio esixe unha responsabilidade”. Por iso “deseñamos accións educativas” para complementar o programa formativo nacional, dixo en referencia a Mirando polo Camiño, un programa que, dentro do Plan Proxecta e a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, se dirixe a centros emprazados nos distintos tramos galegos dos Camiños de Santiago. “Con el trabállase sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico de cada comarca”, abondou o secretario xeral de Cultura.

“Os estudantes forman parte, así, dun proxecto integrador e vinculado ao lugar no que medran, un universo cambiante que se foi configurando cos valores que achegaron distintas xeracións ata chegar a eles, e no que agora poden deixar a súa pegada”, explicou Anxo Lorenzo antes de felicitar a todos os centros participantes na iniciativa, facendo unha mención especial aos galegos, o CPR Nuestra Señora del Rosario, de Arzúa; o CPI Progreso, de Catoira; o CEE Vilagarcía de Arousa, o CPR La Merced, de Sarria, e o CEIP Otero Pedrayo de Rábade, aos que lles agradeceu a súa contribución na creación dunha “nova imaxe desta ruta milenaria”.

Unha iniciativa do Consejo Jacobeo

Tanto o proxecto educativo como a exposición son iniciativa do Consejo Jacobeo, órgano de cooperación entre o Estado (Ministerio de Cultura y Deporte) e as comunidades autónomas de Galicia, Castela e León, A Rioxa, Navarra, Aragón, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco. As administracións estatal e autonómicas colaboran a través deste órgano en programas e actuacións sobre o Camiño de Santiago e relativos á celebración dos anos xacobeos.

Data de actualización: 14/06/2018