Conde apela á colaboración institucional para multiplicar as oportunidades laborais dos desempregados galegos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Abegondo na clausura do obradoiro ‘Reserva da biosfera: emprego sostible’

Un total de 20 alumnos de sete concellos da comarca coruñesa acadaron un certificado de profesionalidade no eido da fruticultura e o cultivo de plantas en viveiros

Pon en valor a aposta da Xunta por atender os perfís profesionais que están demandando as empresas con iniciativas como os obradoiros, programas integrados e Unidades Formativas na Empresa

Sinala a importancia da cualificación especializada nas novas tecnoloxías para cubrir os postos laborais que está demandando o mercado de traballo

O titular de Economía avoga por impulsar proxectos emprendedores que sirvan para dinamizar a economía do rural a través de programas como os obradoiros ou o Galicia Rural Emprende
 

Abegondo (A Coruña), 15 de xuño de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Abegondo, na clausura do obradoiro de emprego, Reserva da biosfera: emprego sostible, a importancia da colaboración institucional para multiplicar as oportunidades laborais das persoas sen emprego de Galicia. Neste senso, é importante a figura dos Concellos Emprendedores, unha iniciativa da que forman parte Abegondo e Coirós, xa que permite ás administracións locais ter prioridade este ano na convocatoria dos novos obradoiros duais e outros programas de fomento para o emprego. Na provincia da Coruña, son 12 os Concellos Emprendedores e unha vintena mostrou interese para selo.

Conde, ademais de avogar pola colaboración entre administracións, sinalou a importancia da formación para o emprego. “Para que Galicia poida ter un futuro necesitamos que a nosa xente estea formada. É o principal capital no que temos que traballar, a formación, para que se abran novas oportunidades”, indicou.

Deste xeito, puxo en valor os obradoiros de emprego. No caso do que hoxe se clausurou, un total de 20 desempregados de sete concellos da Coruña (Abegondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Bergondo) obtiveron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional no eido da fruticultura e o cultivo de plantas en viveiros. O investimento para facer posible este programa foi próximo aos 284.000 euros.

Os alumnos e alumnas dos obradoiros, ademais de formarse, obtiveron durante 9 meses un contrato laboral durante o tempo que dura a cualificación. Neste tempo, os participantes realizaron traballos de acondicionamento de fincas, tratamento de árbores de froitas e instalaron sistemas de regadío e invernadoiros en distintos enclaves da comarca.

Conde, ademais, no eido da formación, apuntou que cos obradoiros de emprego se impulsa tamén a cualificación nas novas tecnoloxías para cubrir os postos laborais que actualmente demanda o mercado de traballo. Así, este obradoiro contou cunha parte complementaria de cualificación en alfabetización informática, entre outras especialidades, como en prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental e en igualdade de xénero. En palabras do conselleiro, Galicia ten que estar preparada para operar en contornos cada vez máis tecnolóxicos polo que, canto maior sexa a formación neste eido, maiores serán as oportunidades para atopar un emprego.

O titular de Economía, así mesmo, salientou a aposta da Xunta por atender os perfís profesionais que están demandando as empresas con iniciativas como os obradoiros, os programas integrados ou as Unidades Formativas nas Empresas. Sobre este último plan, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 5,4 millóns de euros para que 83 empresas impartan formación á carta a 3200 desempregados e ocupados.

Por último, o conselleiro destacou a importancia de seguir poñendo en marcha iniciativas que sirvan para dinamizar a economía no rural a través de programas como son os obradoiros de emprego ou o Galicia Rural Emprende. A nova convocatoria deste último mobilizará 11 millóns de euros para impulsar 80 novos proxectos. “Contamos cunha gran potencialidade desde o punto de vista dos recursos autóctonos. A reserva da biosfera é un elemento diferenciador e temos que traballar nesta marca diferenciadora, neses proxectos de economía circular vinculados ao medio rural”, indicou. Neste senso, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está aberta á colaboración de proxectos de emprendemento vinculados coa reserva da biosfera.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/06/2018