A Xunta inviste 3,7 millóns de euros en 115 proxectos non agrícolas que permitirán crear un centenar de empregos no rural

Esta liña de axudas de Medio Rural está dirixida ás pequenas empresas que buscan ampliar ou modernizar a súa actividade mediante a adquisición de maquinaria e equipamento

En total, beneficiaranse 26 empresas da Coruña, 26 de Lugo, 26 de Ourense e 37 da provincia de Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) vén de resolver a convocatoria de axudas a proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Esta liña de axuda, que medrou un 27,60% con respecto ao ano pasado, ascende aos 3.726.055 millóns de euros e irá dirixida a pequenas empresas que desenvolvan a súa actividade no rural galego.

Así, nesta convocatoria beneficiaranse 115 empresas que buscan ampliar ou modernizar a súa ocupación por medio da adquisición de maquinaria e equipamento e mellorar así o seu proceso produtivo. Por provincias as subvencións repartiranse de forma equitativa: 26 empresas na Coruña, 26 en Lugo, outras 26 de Ourense e 37 en Pontevedra. Os seus proxectos suporán un importen inducido no agro galego superior aos 8,2 millóns de euros.

Un estímulo para a creación de emprego

Este gasto suporá un estímulo para xerar emprego nas áreas rurais. De feito, a previsión é que se creen 96 novos postos de traballo, dos cales 40 estarían ocupados por persoas pertencentes aos colectivos con maior dificultade á hora de atopar traballo: mulleres, menores de 25 anos, desempregados con máis de 55 anos ou persoas con diversidade funcional. Así mesmo, a liña contribuirá a consolidar preto de 1.000 empregos nas empresas beneficiarias.

As persoas e entidades beneficiarias deberán xustificar parcialmente os investimentos correspondentes á anualidade 2018 antes do 17 de setembro deste ano. O prazo final de execución e xustificación rematará o 29 de xuño do 2019.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/06/2018