A Xunta asinará un convenio con Gas Galicia para a construción das instalacións necesarias para o parque empresarial de Morás, en Arteixo

O consello de administración de Xestur aprobou a sinatura dun convenio de colaboración con Gas Galicia

Tamén se realizará o retranqueo do gasoducto que pasa pola zona e que se verá afectado polos accesos ao parque empresarial

As obras actualmente en execución no parque de Morás supoñen un investimento de máis de 4 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Xunta asinará un convenio con Gas Galicia para a construción das instalacións de gas natural do parque empresarial de Morás, en Arteixo. Deste xeito, se continúa avanzando na urbanización do parque empresarial, no que xa foron adxudicados preto de 106.000 metros cadrados de superficie a unha empresa que se asentará no mesmo.

O consello de administración de Xestur vén de autorizar a sinatura deste convenio de colaboración con Gas Galicia. No mesmo estipularase que a empresa pública realizará a obra civil necesaria para a instalación (apertura e peche de gabias, acondicionamento do terreo, etc.). E Gas Galicia procederá pola súa conta ao subministro e colocación da tubaxe de condución de gas, así como todos os elementos necesarios para garantir o subministro ás empresas que se instalen no parque empresarial.

Por outra parte, autorizouse a execución do retranqueo do gasoducto que pasa xunto ao parque empresarial, e que é necesario modificar, xa que se verá afectado polos accesos ao parque. A valoración dos traballos a realizar para este retranqueo é de preto de 440.000.

Remate de obras en execución

Actualmente están en execución as obras de acondicionamento da estrada DP-0512, que ao mesmo tempo constitúe o eixo principal do parque empresarial de Morás ao coincidir co viario V-5 do parque empresarial.

As obras están moi avanzadas e está previsto proceder á pavimentación do vial na próxima semana, abríndoo á circulación con carácter inmediato. Os remates no vial finalizaranse a comezos do mes de xullo.

Doutra banda, tamén se está realizando a obra de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque empresarial, cuxo remate está previsto para finais o verán ou primeiras semanas do outono próximo.

As obras actualmente en execución no parque de Morás supoñen un investimento de máis de catro millóns de euros.

Data de actualización: 23/06/2018