O Gaiás programa acampadas nocturnas de verán no Bosque de Galicia para achegar a cativada a este espazo natural

A actividade ‘Unha noite no Bosque’, destinada a rapaces e rapazas de entre 10 e 13 anos, volve este verán á Cidade da Cultura entre o 29 de xuño e o 17 de agosto

Os participantes poderán descubrir a fauna e a flora dos espazos naturais do Monte Gaiás e gozar dunha noite de aventura e convivencia á luz das estrelas

Xa se poden mercar as entradas para participar na actividade, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia co patrocinio de Viaqua
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2018
  • whatsapp

A Cidade da Cultura convida a rapaces e rapazas de entre 10 e 13 anos a participar un ano máis na súa actividade de verán Unha noite no Bosque, unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia que se desenvolverá todos os venres entre o 29 de xuño e o 17 de agosto de 2018. A cativada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e flora dos espazos naturais do monte Gaiás así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura co patrocinio de Viaqua.

As actividades de Unha noite no Bosque comezarán os venres ás 19 horas cunha visita guiada polos espazos arquitectónicos do Gaiás na que os rapaces e rapazas terán a oportunidade de descubrir todos os recunchos do complexo deseñado por Peter Eisenman, así como achegarse dun xeito diferente ao traballo do prestixioso arquitecto norteamericano.

A continuación, acompañados de monitores, montarán o campamento no Bosque de Galicia e, despois dunha cea todos xuntos, participarán nun misterioso roteiro polo propio bosque e o Parque do Lago, titulado ‘Os sons da noite’. Nesta actividade, descubrirán a fauna e a flora deste espazo natural e aprenderán a recoñecer os sons característicos dos habitantes do Monte Gaiás ao lusco fusco. A noite rematará ao máis puro estilo dos campamentos de verán, contando lendas e historias mitolóxicas á luz das estrelas.

Xa o sábado pola mañá, e tralo almorzo e recollida do campamento, os rapaces e rapazas de Unha noite no Bosque participarán nun obradoiro de nós básicos e noutro destinado a repasar mediante fichas e cantos a fauna nocturna descuberta o día anterior.

Entradas xa á venda

A cativada que desexe participar nesta actividade deberá traer saco de durmir, estera, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo, mentres que a cea e o almorzo serán proporcionados pola organización. En caso de moi mal tempo, a actividade trasladarase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A través o web cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información así como acceder á venda das entradas.

Verán no Gaiás

Unha noite no Bosque enmárcase na programación de verán da Cidade da Cultura, que este ano inclúe un total de 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza e pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como as propias acampadas de Unha noite no Bosque, o ciclo de concertos ao aire libre Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, As Astronómicas, ou As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña ás exposicións con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación para este intenso período estival que se alongará ata setembro.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/06/2018