A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe esta actuación, cuxo proxecto de trazado estará aprobado este verán
A conversión en autovía da VAP entre a Pobra de San Xiao e Sarria permitirá circular a 120 km/h en todo o percorrido, acurtando o tempo de viaxe e mellorando a seguridade

Vázquez Mourelle explica que a Xunta xa dispón do proxecto de trazado, que está en información pública ata o 13 de xullo para que, calquera interesado, presente as consideracións que desexe

Indica que as taxas de tráfico nesta vía indicaron en 2016 e 2017 un incremento cinco veces maior que no conxunto da rede autonómica, o que fai necesaria a conversión en autovía deste treito de 11,5 km, que será libre de peaxe

Sinala que o desdobramento estaba planificado desde o inicio das actuacións, polo que na execución deixáronse preparados os desmontes e as estruturas, permitindo que a conversión en autovía sexa máis sinxela
 

  • whatsapp

Lugo, 25 de xuño de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe o proxecto da conversión en autovía da vía de altas prestacións entre A Pobra de San Xiao e Sarria, cun investimento de 23 millóns de euros, que permitirá circular a unha velocidade de 120 km/h en todo o percorrido, acurtando o tempo de viaxe e achegando seguridade e comodidade aos condutores.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta xa dispón do proxecto de trazado, que está en información pública ata o 13 de xullo para que, calquera interesado, presente as consideracións que desexe. Engadiu que unha vez remate o prazo e se analicen e incorporen as alegacións que correspondan, se aprobará definitivamente este verán o proxecto de trazado para continuar traballando e aprobar o proxecto construtivo no 1º semestre de 2019.

Destacou que o incremento de tráfico que veu rexistrando esta infraestrutura nos últimos anos, moi superior á media do resto da rede autonómica de estradas, deixa claro que as comarcas conectadas polo corredor ven favorecida a súa actividade. Desa forma, salientou, acredítase" a rendibilidade social" do investimento realizado. Neste sentido, cobran especial importancia as taxas anuais de crecemento de tráfico en 2016 e 2017, que indicaron un incremento cinco veces maior que no conxunto da rede autonómica.


Indicou que por este motivo o Goberno galego decidiu iniciar o procedemento para o desdobramento do treito de 11,5 km comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, onde resulta máis necesaria a ampliación de capacidade.

A conselleira sinalou que o desdobramento desta infraestrutura estaba planificado pola Xunta xa desde o inicio das actuacións, polo que durante a súa execución xa se deixaron preparados os desmontes e as estruturas para acoller a futura ampliación da plataforma, o que permite que os traballos de conversión en autovía sexan máis sinxelos e se poidan minimizar as afeccións ao tráfico.

O corredor Lugo – Sarria – Monforte tense convertido nunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia. Esta estrada, culminada en novembro de 2015, permitiu completar a conexión de Lugo co sur da provincia, en concreto, 45 minutos á capital de Lemos. Dende o ano 2009, en plena crise económica, o Goberno galego investiu 135 M€ para facer realidade esta conexión a través dunha vía de altas prestacións.

A titular de Infraestruturas concluíu que a Xunta, desde 2009, vén facendo enormes esforzos para incrementar e estender a rede de vías de altas prestacións, coa posta en servizo de máis de 200 km de estradas libres de peaxe, cun incremento de máis do 60%. Hai que subliñar que 40 dese novos quilómetros de vías de altas prestacións postos en servizo desde 2009 abríronse na provincia de Lugo.

Ethel Vázquez precisou que agora, estase a dar un novo paso coa mellora da funcionalidade de vías de altas prestacións xa construídas, a través da súa conversión en autovía, dando todos os pasos previstos de acordo cunha correcta planificación de futuro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/06/2018