A Xunta destaca a importancia dos obradoiros destinados a persoas desempregadas como un dos piares da Axenda 20 que ten como obxectivo o impulso dun emprego estable e de calidade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda participou hoxe na clausura do obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés da convocatoria 2017/2018 no que se formaron 20 desempregados e obtiveron un contrato laboral durante 9 meses

A especialidade deste programa no que os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade é a cociña e servizos básicos de restaurante

En toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego

Sanxenxo (Pontevedra), 4 de xullo de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda achegouse hoxe ao concello pontevedrés de Sanxenxo, onde felicitou aos alumnos que completaron a súa formación no marco do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés no que participaron 20 persoas desempregadas

Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou no acto de clausura do Obradoiro onde se ofreceu formación sobre cociña e servizos básicos de restaurante durante 9 meses, ao que o Goberno galego destinou preto de 280.000 euros. A posta en marcha o Obradoiro está enmarcada dentro da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Estes obradoiros, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

A Xunta destaca a importancia de seguir poñendo en marcha iniciativas que sirvan para dinamizar a economía no rural a través de programas como son os obradoiros de emprego ou o Galicia Rural Emprende. En total, en toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego.

Nova convocatoria

A Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano (un 50% máis que na anterior) para a posta en marcha dunha nova iniciativa para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas: os obradoiros duais de emprego que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que poderán concorrer ás mesmas non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2018