A conselleira do Mar mantivo hoxe unha reunión coa presidenta da Royal Yachting Association (RYA)
A presidenta da Royal Yachting Association visita Galicia para abrir vías de colaboración no negocio náutico

A asociación de navegantes de orixe británico reúne a 150.000 socios en preto de 60 países de todo o mundo e explora opcións de colaboración cos portos deportivos galegos

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018
  • whatsapp

Os portos deportivos galegos poderán establecer pontes para a colaboración coas iniciativas impulsadas pola Royal Yachting Association en toda Europa. Con ese obxectivo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo hoxe unha reunión coa presidenta da Royal Yachting Association (RYA), Sarah Treseder, que esta semana visita Galicia para afondar na actividade náutica que se desenvolve na nosa comunidade.

Durante a xuntanza a conselleira e a presidenta da RYA abordaron a posibilidade de intercambio de navegantes entre outros portos dos distintos países asociados á RYA e os portos deportivos da costa galega. Tamén abordaron a posibilidade de abrir mercado para cruceiristas e megaiates nas instalacións que así o permitan.

Outro dos asuntos que puxeron sobre a mesa foi o da importancia da simplificación de determinados trámites que teñen que cumprimentar os navegantes británicos cando veñen a Galicia co obxectivo de facilitar a súa navegación. Esta suxerencia realizada pola RYA durante a xuntanza será trasladada pola Xunta ao Ministerio de Fomento, do que dependen as Capitanías Marítimas.

A posibilidade de que os navegantes anglosaxóns poidan deixar as súas embarcacións en portos galegos durante o inverno e que poidan acceder a determinados servizos e a elaboración de material informativo sobre cultura, gastronomía e turismo na contorna dos portos foron outros dos asuntos propostos pola RYA na xuntanza. Uns aspectos, que a Xunta acordou trasladar ao sector náutico.

A presidenta da RYA desprazouse esta semana a Galicia a raíz do contacto realizado co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a celebración da feira náutica London Boat Show o pasado mes de xaneiro. Sarah Treseder mostrou daquela o seu interese en visitar as instalacións náuticas galegas e coordinar posibles vías de colaboración.

Durante a súa estancia en Galicia, Treseder visitará, entre outras instalacións, os portos deportivos de Marina Davila, en Vigo; Monte Real Club de Iates de Baiona; Club Náutico Boiro, Real Club Náutico de Portosín; Marina Arousa, en Vilagarcía; e o Club Náutico de San Vicente do Mar no Grove. Así mesmo, manterá reunións cos representantes das principais asociacións de náutica de Galicia e operadores portuarios orientados ao negocio da náutica de recreo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/07/2018