Medio Rural e Reale Seguros colaborarán na investigación para mellorar a loita contra os incendios forestais

A compañía aseguradora e a consellería veñen de asinar un convenio de cooperación para avaliar o comportamento do lume en combustibles triturados e a eficacia dos retardantes na redución da súa intensidade e velocidade

O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán levará a cabo as probas no seu “túnel do lume” e Reale Seguros achegará algo máis de 96.000 euros para financiar as actuacións

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural e Reale Seguros colaborarán na loita contra os incendios forestais, mediante unha iniciativa conxunta destinada a avaliar o comportamento do lume en combustibles triturados e a eficacia dos retardantes na redución da súa intensidade e velocidade. A conselleira Ángeles Vázquez e o conselleiro delegado de Reale Seguros, Ignacio Mariscal, asinaron un convenio para formalizar esta cooperación.

No acordo sinálase que, desde o punto de vista da extinción, é preciso comprobar a eficacia real dos tratamentos preventivos, como a trituración, para reducir a vulnerabilidade dos ecosistemas aos incendio, e a eficiencia dos retardantes, supervisando a súa acción en diferentes tipos de combustible forestal (matogueira e triturado). Así, as probas levaranse a cabo no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, en Pontevedra, que conta co dispositivo experimental de lume forestal (Delfor). Trátase dun túnel de vento que permite realizar ensaios de comportamento do lume de diferentes combustibles forestais para condicións controladas de carga, humidade e velocidade do vento.

Este “túnel do lume” de Lourizán dispón ademais do instrumental necesario para a determinación das variables fundamentais do seu comportamento, tales como velocidade de propagación, intensidade e lonxitude da chama, e ten a vantaxe de permitir a realización dos ensaios durante todo o ano, xa que é independente das condicións meteorolóxicas reinantes.

Pola súa banda, a empresa Seguros Reale asumirá os custes dos traballos contemplados no convenio cunha achega total de 96.195 euros. O acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2020, podendo ser prorrogado por acordo das partes asinantes. No documento faise especial fincapé na importancia da investigación como fórmula para mellorar a protección natural fronte os incendios forestais. Neste sentido, lémbrase que esta mellora é unha prioridade para a Consellería do Medio Rural, especialmente no que atinxe ás tecnoloxías preventivas, mediante intervencións sobre a vexetación que reduzan a severidade dos lumes. Trátase de mitigar os seus efectos ambientais sobre os ecosistemas e de reducir as emisións de CO2 que contribúen ao cambio climático.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2018