O presidente da Xunta visitou as obras da “estación total” da capital galega
Feijóo afirma que coa intermodal de Santiago comeza a materializarse o novo modelo de transporte público do futuro, que está a vivir a maior renovación dos últimos 40 anos

Salienta a determinación da Xunta por poñer en marcha este proxecto nos prazos previstos, coa construción da terminal de autobuses e o cofinanciamento da pasarela que unirá os barrios do Ensanche e de Pontepedriña

Considera que a intermodal de Santiago é unha grande oportunidade para reforzar a competitividade da capital de Galicia

Asegura que as obras da estación intermodal son a mellor proba de que Galicia está preparada para recibir o AVE e avanza que nas vindeiras semanas se activarán os traballos na estación de Ourense

Incide na necesidade de dotar Santiago da depuradora que necesita e de impulsar o antes posible as obras do enlace orbital, ademais da conclusión autovía de Lugo

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que coa estación intermodal de Santiago comeza a materializarse o novo modelo de transporte público en Galicia, que está a vivir a maior renovación dos últimos 40 anos. Coa futura “estación total”, a capital galega terá unha única terminal onde conflúan os servizos de autobús, ferrocarril e taxi, ademais da lanzadeira cara ao aeroporto de Lavacolla.

“Non é un día calquera para Galicia, porque esta é a primeira estación intermodal que estamos a iniciar na Comunidade autónoma”, recordou. O presidente repasou tamén o traballo feito ata o momento. O primeiro paso foi conseguir fondos suficientes “para que no ano 2018 ou 2019 poidamos estar executando catro ou cinco estacións intermodais de forma conxunta”. O segundo foi a lograr a vontade do Ministerio de Fomento e do Concello de Santiago, encargado de deseñar e adecuar os accesos ao recinto.

En terceiro lugar, Feijóo salientou a firme determinación da Xunta por poñer en marcha esta infraestrutura nos prazos previstos, que se reflicte non só na construción da terminal de autobuses —presupostada en 10,4 millóns— senón tamén no cofinanciamento da pasarela que unirá este edificio coa estación de ferrocarril e coa rúa do Hórreo, que eleva a achega total do Executivo autonómico ata os 12 millóns de euros. Así mesmo, recordou que grazas á Lei autonómica que facilita a tramitación urbanística dos proxectos de interese público, o planeamento puido axustarse á obra que tecnicamente se requiría en tan só sete meses.

“Estamos nun momento importantísimo para o transporte”, valorou o presidente, que subliñou a necesidade de facilitar a vida dos cidadáns e de mellorar a competitividade de Santiago de Compostela como destino turístico. Isto faise, ademais, “cun proxecto esteticamente atractivo, respectuoso en volumes e no deseño arquitectónico e que vai ter máis dársenas das que hai en San Caetano e un aparcadoiro de vehículos en función das necesidades futuras”.

Respecto á pasarela que unirá os barrios do Ensanche e Pontepedriña, Feijóo recalcou o compromiso da Xunta de licitala e facer o seguimento das obras para que a pasarela estea rematada ao mesmo tempo que a estación no seu conxunto, sempre e cando Fomento cumpra cos prazos. O presidente enmarcou a nova intermodal dentro dos preparativos para que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.

Aposta por Santiago

Feijóo fixo tamén referencia aos demais proxectos que están en marcha na capital galega, comezando polo proxecto da Cidade de San Caetano, que ampliará as dependencias da Xunta ocupando o espazo da actual estación de autobuses, mellorará a atención aos cidadáns e suprimirá a necesidade de alugueiros. Citou tamén os traballos de integración paisaxística dos treitos urbanos da ruta xacobea, a adxudicación xa de máis da metade do solo industrial do Polígono da Sionlla, a Variante de Aradas e o edificio Fontán, que pon o punto e final á Cidade da Cultura.

“Evidentemente, se o AVE non chegase a Santiago, a utilidade desta estación sería ben distinta”, advertiu o presidente, antes de indicar que a chegada da alta velocidade será un antes e un despois para Galicia e de recordar que o inicio da súa circulación en probas está previsto para finais do 2019. “Nós imos manter a esixencia leal con este Goberno, do mesmo xeito que a mantivemos co anterior”, engadiu. O presidente tamén afirmou que Galicia se está preparando para recibir o AVE coas estacións intermodais executadas: coa de Santiago; coa de Ourense, que xa está adxudicada e na que as obras comezarán nas vindeiras semanas; coa de Pontevedra, na que a unión entre estacións xa está deseñada; coa de Vigo, na que se está esperando o desbloqueo definitivo; e tamén coas de Lugo e Ferrol.

Por último, lembrou as actuacións que aínda están pendentes na capital galega: a depuradora que Santiago necesita, o enlace orbital que cuxo impulso lle pedirá Feijóo ao ministro de Fomento e a finalización da autovía entre Lugo e Santiago, da que algúns tramos están en execución e outros xa finalizados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2018