A Xunta amplía o sistema de videointerpretación a todos os teléfonos de emerxencias en aras de facilitar a relación das persoas con dificultades auditivas coa Administración pública galega

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia

Todos os teléfonos de emerxencia da Xunta disporán do servizo de videointerpretación, o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co fin de facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública.

Coa sinatura de hoxe amplíanse o número de servizos aos que se pode acceder a través do sistema de videointepretación, xa que a partir de agora todos os teléfonos de emerxencia da Xunta disporán do servizo de videointerpretación, entre os que se atopan o 112, o teléfono 085 de incendios forestais; o teléfono da Muller, ao Social, do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.

Ademais de ampliar os servizos, incorporase unha nova vía para acceder a eles xa que ata agora, o sistema de videointerpretación estaba dispoñible de forma presencial a través de terminais ubicados en distintas oficinas públicas e en liña, para o que se precisaba dun ordenador con webcam. Ponse en marcha unha aplicación móbil para o sistema de videointerpretación o que supón tamén un importante avance en accesibilidade.
A Xunta xa contaba cun sistema de videointerpretación para que as persoas xordas puideran acceder ao servizo telefónico de atención á cidadanía (o 012), o 061, e ao teléfono de consultas sanitarias e agoar dáse un paso máis a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións.
Nesta mesma liña, o Goberno galego ven colaborando dende o ano 2009 coa Federación para desenvolver programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para facilitar a atención psicolóxica das vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/07/2018