A Xunta convoca axudas para a mellora das escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades de iniciativa social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións para obras menores de adecuación e mellora nos centros, así como para a compra de equipamento e mobiliario, e para a integración das novas tecnoloxías nas aulas

A convocatoria conta cun orzamento de 600.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá e ata o 11 de agosto

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia abre desde mañá e ata o 11 de agosto o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de axudas para investimentos na mellora das infraestruturas e equipamentos das escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos dependentes que dependen de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas para o presente exercicio de 2018 e que conta cun crédito total de 600.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais, esta medida forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia).

Así as cousas, ao abeiro desta convocatoria e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das devanditas infraestruturas como obras novas que non precisen de proxecto técnico e melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios. Así mesmo, entran dentro desta orde de axudas a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo. Por último, a convocatoria tamén subvenciona a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

Este é o segundo ano consecutivo no que a Xunta de Galicia habilita esta liña de financiamento á mellora de centros de atención á infancia que son xestionados por entidades de iniciativa social. Deste xeito, a Administración autonómica atende á totalidade da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos, ben sexa de titularidade autonómica, municipal ou de iniciativa social. O obxectivo é que as familias teñan as mellores instalacións, favorecendo ambientes adecuados ás necesidades dos seu nenos e nenas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2018