A Xunta asina un convenio co Concello de Ferrol para formar a menores de 30 anos en atención sociosanitaria

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na presentación da iniciativa Ferrol Emprego Xuvenil

Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a un certificado de profesionalidade en atención sociosanitaria a persoas no domicilio

Marnotes salienta a importancia de adaptar os perfís profesionais aos novos requirimentos das empresas e destaca que a formación continua dos traballadores é clave para impulsar o emprego estable

Sinala a importancia da colaboración entre administracións para incrementar as oportunidades laborais da mocidade galega

As axudas do programa Emprega Xuventude, para incentivar a contratación e fomentar a formación dos mozos e mozas, poden solicitarse ata o 30 de setembro

Ferrol, 11 de xullo de 2018
  • whatsapp

A Xunta vén de asinar hoxe co Concello de Ferrol un convenio de colaboración para ofrecer formación a menores de 30 anos sen emprego na especialidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Os alumnos e alumnas, que terán que estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, poderán acceder a través do curso de formación a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou na cidade ferrolá na presentación do programa Ferrol Emprego Xuvenil, que promove a Administración local co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co que se busca proporcionar á mocidade unha cualificación profesional que lle permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

A Administración autonómica está a colaborar cos concellos e deputacións galegas para impulsar a formación entre a mocidade galega coa sinatura de convenios de colaboración neste ámbito.

Marnotes sinalou a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a súa importancia para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Así mesmo, puxo en valor a colaboración coas administracións locais para desenvolver este tipo de iniciativas e mellorar a empregabilidade da mocidade galega co obxectivo de que poidan atopar un emprego o máis axustado posible aos seus perfís profesionais.

O director xeral expuxo, ademais, as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación, entre as que destacou os novos obradoiros duais de emprego, os cursos de formación para desempregados e as unidades formativas na empresa dirixidas a parados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración. Con respecto a esta última iniciativa, apuntou que o prazo de solicitude para a segunda convocatoria destas axudas está aberto ata o próximo 6 de agosto.

“A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral”, engadiu.

Impulso ao emprego xuvenil


Así mesmo, destacou os programas que aprobou a Xunta este ano para impulsar o traballo entre os mozos e mozas galegos menores de 30 anos, tres iniciativas que suman 7,8 millóns de euros para beneficiar a 850 persoas: os obradoiros de emprego xuvenís para 352 mozos e mozas aos que a Administración autonómica destina 3,4 millóns de euros; a convocatoria de axudas Cooperación coas entidades sen ánimo de lucro cun orzamento de 2,5M€ para impulsar a contratación nestas asociacións de máis de 200 mozos e mozas; e o programa Emprega Xuventude (1,9M€) para incentivar a contratación de 300 menores de 30 anos a través dun bono de ata 7000 euros co que se financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentívase a súa contratación.

Este ano, como novidade, ampliouse o programa Emprega Xuventude a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación). O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono é opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo. En xeral, as empresas poderán presentar as solicitudes a este programa ata o 30 de setembro.

En palabras de Marnotes, o obxectivo de Emprega Xuventude é impulsar o emprego estable e de calidade entre a mocidade, axudando ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de persoas traballadoras axustadas as súas necesidades e contribuíndo a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades galegas.
 

Data de actualización: 11/07/2018