A secretaria xeral para o Deporte anuncia para este ano 2018 unha axuda de 500.000 euros para subvencionar a adquisición de equipamentos deportivos das federacións deportivas galegas

Na reunión expuxéronse tamén outras cuestións como a Escola Galega do Deporte, o estado do decreto de Deportistas de Galicia de Alto Nivel (DGAN), o informe sobre a situación electoral das federacións deportivas galegas, o uso das instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, a actualización do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, a Comisión Galega de Control da Violencia ou o Plan de auditorías das contas anuais 2017

O secretario xeral de Política Lingüística presentou neste encontro o documento marco do plan de dinamización da lingua galega na mocidade que está a elaborar a Xunta, no que se prevén accións de promoción social do uso do galego impulsadas desde o ámbito do deporte en colaboración con federacións, clubs, escolas, empresas e deportistas
 

Pontevedra, 11 de xullo de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu a numerosos representantes das federacións deportivas galegas na cuarta xornada do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ onde se compartiron posturas, reflexións e análises da situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, coa fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable. Nesta cuarta xornada do Foro, a secretaria xeral anunciou que tras a publicación no Diario Oficial de Galicia de hoxe da resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, cuxa dotación inicial é de 275.000 euros, a Secretaría Xeral para o Deporte “está a tramitar unha ampliación de crédito para chegar neste ano 2018 á cantidade final de 500.000 euros, sendo o investimento final nesta materia de 1 millón de euros xa que a Secretaría Xeral subvenciona o 50% das adquisicións”.

Na reunión expuxéronse tamén outras cuestións como a formación deportiva que se impartirá desde a Escola Galega do Deporte (cursos de formación, bloque de Xestión Deportiva, bloque de Adestramento deportivo e Actividade física, deporte e saúde, deseño e impartición dun curso sobre a organización dos rallies...); o estado do decreto de Deportistas de Galicia de Alto Nivel (DGAN) ao que se lle dará audiencia pública nas vindeiras datas e que incorporará novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros para os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento; o informe sobre a situación electoral das federacións deportivas galegas; o uso das instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, grazas ao convenio asinado o pasado 24 de maio; a actualización do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia; a próxima constitución da Comisión Galega de Control da Violencia: ou o Plan de auditorías das contas anuais 2017 das federacións deportivas galegas que empezarán a realizarse a finais deste mes.

Un plan para dinamizar a lingua tamén desde o deporte

O secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García, presentou neste encontro o documento marco do plan de dinamización da lingua galega na mocidade que está a elaborar a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no que se prevén accións de promoción social do uso do galego impulsadas desde o ámbito do deporte.

“O plan de dinamización do galego na mocidade inclúe o deporte entre os ámbitos de actuación prioritarios na dinamización da lingua propia de Galicia na xente nova e establece nas súas liñas básicas de traballo a colaboración con federacións, clubs, escolas, empresas e deportistas para incidir na dinamización do idioma, de acordo coas directrices do Plan xeral de normalización da lingua galega”, destacou García Gómez. “Conseguir que o galego sexxa a lingua de comunicación habitual das federacións e dos clubs, fomentar a presenza do idioma propio de Galicia na información deportiva dos medios de comunicación escritos ou promover a súa presenza na formación para que os profesionais do deporte poidan desenvolver o seu labor na nosa lingua son algúns dos obxectivos que do plan, para o que queremos recoller as vosas achegas e suxestións de actuacións de dinamización lingüística”, concluíu.

Convenio coa Corporación Radio e Televisión de Galicia

Na xuntanza estivo presente asemade o director de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira, quen explicou os detalles do convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a CRTVG para o fomento do deporte base, do deporte feminino e daqueles deportes alternativos ou minoritarios.

Neste sentido falou das 40 pezas informativas de televisión, radio e dixitais que se emitirán nas canles da TVG, TVG2, Radio Galega e por crtvg.gal e relativas a estes contidos. Ademais referiuse á canle específica dixital na que se poderá visualizar a programación desenvolta pola CRTVG e comentou as diferentes posibilidades de produción dos eventos deportivos (produción propia, infraestrutura audiovisual dos pavillóns, produción audiovisual de clubs e achegas dos usuarios). Nesta canle dixital preténdese crear unha web na que se poidan ver os espectáculos deportivos en directo e baixo demanda converténdose nunha canle dixital de referencia para os deportes de base, alternativos e feminino de Galicia.

Rede Deporte Galego

O Foro de Deporte Federado forma parte da Rede Deporte Galego, que botou a andar o pasado 10 de abril de 2017 cunhas xornadas de formación para facilitar o acceso e o manexo da comunicación e administración telemática das federacións deportivas galegas. A creación da Rede da cumprimento a unha das promesas contidas no programa electoral de 2016 no que se propuña esta plataforma. A Rede incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido colaborativo forte e competitivo. Nestes foros abarcarase desde os sectores tradicionais do deporte (axentes ou eventos deportivos, entre outros) pasando por outros máis novidosos como o da investigación, desenvolvemento e innovación, ou o do turismo.

Deste xeito, a Rede Deporte Galego garantirá unha auténtica Administración pública colaborativa do e para o deporte galego, ao servizo das súas necesidades; actuará como canle de comunicación entre os distintos sectores do noso deporte; e estará ao servizo dos restantes obxectivos xerais da lexislatura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2018