A Xunta sinala que as unidades formativas permiten ás empresas deseñar e impartir a cualificación que precisan

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, reuniuse esta mañá, na Coruña, con firmas beneficiarias deste programa na provincia

O prazo para solicitar as axudas da segunda convocatoria está aberto ata o próximo 6 de agosto

Marnotes salienta que o obxectivo para 2018 é un investimento de 9,5M€ para que as empresas ofrezan formación á carta a máis de 5000 persoas a través de preto de 600 Unidades Formativas

Na provincia da Coruña, poranse en marcha 66 cursos cun investimento próximo aos 900.000 euros para formar a 577 traballadores e desempregados a través da primeira convocatoria

A Coruña, 16 de xullo de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe que as Unidades Formativas permiten ao tecido empresarial de Galicia, a través das axudas da Xunta, deseñar e impartir a cualificación que precisan dando, deste xeito, unha resposta concreta ás súas necesidades.

Sinalou, ademais, a flexibilidade e a capacidade desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para adaptarse aos perfís profesionais que as empresas demandan, ofrecendo formación á carta durante un encontro que mantivo na Coruña cunha vintena de compañías beneficiarias deste programa na provincia de distintas localidades como Boiro, A Coruña, Fene, Narón, Padrón, Santiago, As Pontes ou Valdoviño así como con representantes da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), da Asociación de Empresarios de Ferrol, da Confederación de Empresarios de Ferrol e da Asociación de Empresas de Formación da Coruña (Cecap-Galicia).

As Unidades Formativas, en palabras de Marnotes, buscan apoiar ao tecido empresarial nun momento no que a Industria 4.0 e os novos sectores emerxentes fan preciso contar con persoal cualificado e cunha formación adaptada ao emprego que vén. A Administración Autonómica financia o 100% da formación e as empresas deciden que formación queren dar e tamén a imparten.

O director xeral avanzou que o prazo para solicitar as axudas da segunda convocatoria deste programa xa está aberto e rematará o próximo 6 de agosto. A Xunta inviste 4 millóns de euros para formar a 2400 traballadores e persoas sen emprego en 245 unidades formativas. Ás unidades para desempregados destínanse 1,8 millóns para formar a 900 parados a través de 60 unidades. Para cualificar a 1500 ocupados resérvanse 2,25 millóns de euros para poñer en marcha 185 cursos.

O Goberno galego, en global, a través das dúas convocatorias deste programa, apoiará cun orzamento de 9,5 millóns de euros a formación de 5600 persoas a través de 577 cursos.

Grazas á primeira edición desta iniciativa poranse en marcha nas próximas datas, cunha axuda de 5,4 millóns de euros, un total de 332 unidades formativas en 83 empresas galegas para cualificar á carta a 3200 traballadores e persoas desempregadas. Deste xeito, recibirán cualificación especializada máis de 1000 persoas do sector naval a través de 139 cursos; máis de 800 da automoción en 66 unidades; 430 do sector TIC por medio de 51 accións; e preto de 340 no metal en 31 unidades. Así mesmo, outros sectores emerxentes e estratéxicos da economía galega que contarán con cualificación á carta son o aeronáutico, o forestal, a pedra e a lousa, o téxtil, o sociosanitario, as enerxías renovables, o de conservas e o vinculado ao plástico e envases.

Na provincia da Coruña levaranse a cabo 66 cursos nos que se cualificarán 577 alumnos grazas a unha axuda de preto de 900.000 euros. As Unidades Formativas centraranse nos sectores do metal, naval, aluminio e TIC.

Principais características do programa

No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, polo que na segunda edición un mínimo de 360 persoas recibirán un contrato laboral.

A Xunta, ademais, apoia ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

O principal requisito das Unidades Formativas na Empresa para ocupados é que as empresas pertenzan a algún dos sectores considerados estratéxicos na Axenda Industria 4.0. As áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Trátase, en palabras de Marnotes, do programa de formación á carta que se imparte en empresas más ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que a Xunta está impulsando o emprego estable e de calidade.

De feito, a proposta das propias firmas, a través da primeira convocatoria, deseñáronse 27 programas de formación á carta que foron aprobados polo Estado. Así, grazas á iniciativa da Xunta, hai 27 novos itinerarios formativos, axeitados ás necesidades produtivas, que agora terán validez en toda España. Cabe destacar dúas novas especialidades de soldadura e unha programación avanzada en robótica industrial e técnicas de automatización.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2018