Cores Tourís clausura o obradoiro “Ulla-Umia” de Valga e Moraña destinado a construción e carpintería

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou a este programa 280.000 euros, beneficiándose 20 desempregados

En toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego
 

Moraña (Pontevedra), 16 de xullo de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na clausura do obradoiro ordinario de emprego que se levou a cabo nos últimos meses nos concellos de Moraña e Valga e no que se formaron 20 desempregados.

No acto, o delegado estivo acompañado dos alcaldes de ambos municipios, Luisa Piñeiro e José María Bello Maneiro, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O Obradoiro “Ulla-Umia” ofreceu formación sobre Operacións Auxiliares de Revestimentos en Construción e Fábricas de Albanelería, así como sobre Traballos en Carpintería e Moble e Aplicacións de Barnices e Lacas durante 9 meses, ao que o Goberno galego destinou presto de 280.000 euros. Aos 20 alumnos, dez por especialidade, hai que sumar o contrato dunha directora, unha titora, dous docentes e unha administrativa.

A posta en marcha o Obradoiro está enmarcada dentro da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

O obradoiro “Ulla-Umia” estivo destinado a formar aos alumnos de xeito que tamén puideron levar a cabo obra práctica, rehabilitando elementos etnográficos de ambos municipios como lavadoiros e fontes (o de Cartamil, o de Castriño, o de Santa Xusta, o de Castro, o de Cortiñas, o de Bouza Pilón e o de Bouza Parque), mellorando edificios municipais como o edificio administrativo de Valga e fabricando mobiliario urbán.

O delegado territorial recordou a importancia de iniciativas de formación como as que hoxe se clausuran para que “os máis novos e as persoas con maiores problemas de reinserción laboral atopen un emprego. Estes obradoiros permiten que os participantes reciban un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado”.

A Xunta puxo en marcha nos últimos meses 83 obradoiros, 23 deles na provincia de Pontevedra por un importe de 5,5 millóns de euros a través dos que 425 beneficiarios recibiron formación e un contrato de traballo.

Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. Desenvolvéronse así 59 obradoiros xerais e 24 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. En total, na provincia de Pontevedra leváronse a cabo 16 obradoiros xerais e 7 específicos.

A Xunta destaca a importancia de seguir poñendo en marcha iniciativas que sirvan para dinamizar a economía no rural a través de programas como son os obradoiros de emprego ou o Galicia Rural Emprende. En total, en toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego.

Nova convocatoria

A Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano (un 50% máis que na anterior) para a posta en marcha dunha nova iniciativa para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas: os obradoiros duais de emprego que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que poderán concorrer ás mesmas non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2018