O prazo para acollerse á primeira convocatoria do Programa Galicia emprende 2018 permanece aberto ata o 27 de xullo

O prazo de presentación de solicitudes da seguinte convocatoria abrirase o próximo 30 de xullo e permanecerá aberto ata o 25 de outubro

Mediante esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mobilizará 11 millóns de euros para favorecer a xeración de emprego de calidade

A través dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, o pasado ano mobilizáronse máis de 18 millóns de euros en investimentos a través de 162 proxectos emprendedores
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2018
  • whatsapp

Ata o próximo 27 de xullo permanece aberta a primeira das dúas convocatorias que desenvolve durante este ano o Programa Galicia Emprende, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará 80 proxectos de autónomos e emprendedores con axudas por valor de 3 millóns de euros, e que mobilizarán investimentos que acadarán os 11 millóns de euros.

O seguinte prazo de solicitudes desta liña de apoio ao emprendemento, desenvolta polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, abrirase o 30 deste mes. Os emprendedores interesados disporán ata o 25 de outubro para acollerse a esta iniciativa, que ten como obxectivo de estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e consolidación de empresas novas.

Xunto con este programa, a Xunta vén desenvolvendo, tamén a través do Igape, o Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. Estas dúas liñas de axuda ao emprendemento suman este ano, como en 2017, un orzamento de 7,5 millóns de euros.

O pasado ano, a través de ambas iniciativas, o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociados a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. A estes apoios hai que engadir a activación dos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que reforzan outros instrumentos como os préstamos participativos e o capital risco xestionado a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/07/2018