A Xunta prorroga o contrato do servizo de telecomunicacións conseguindo melloras por importe de máis de 4 millóns de euros

Incrementarase a velocidade de conexión a internet de 277 centros de servizos públicos no prazo máximo dun ano

Manteranse 240 sedes de centros públicos con tecnoloxía 4G con alta velocidade

Disporase dun bono ata 5.000.000 de sms masivos gratuítos para comunicacións de diferentes servizos da administración electrónica
 

Santiago Compostela, 31 de xullo de 2018
  • whatsapp

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de prorrogar o contrato dos servizos de telecomunicacións ata febreiro de 2021, un ano máis da data na que remata o actual. Os operadores adxudicatarios investirán máis de 4 millóns de euros en diferentes melloras nos servizos de internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.

Entre as melloras comprometidas, R, operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de internet, incrementará a velocidade de conexión a internet en 277 centros de servizos públicos, que abranguen xulgados, lonxas, albergues, oficinas de emprego, concellos e aulas CeMIT, entre outras. Estas melloras comezarán de xeito inmediato e o operador prevé que estean rematadas en xullo do ano que vén.

En canto á telefonía móbil, entre os compromisos do operador Vodafone, adxudicatario do servizo, comprométese a manter as liñas de datos 4G con alta velocidade de 240 sedes de diferentes servizos públicos.

Outra das melloras previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono de 5.000.000 de sms masivos gratuítos unha vez consumidos os 420.000 sms do contrato actual. As mensaxes masivas están vinculadas á servizos da Administración dixital que se están a incrementar de xeito progresivo como as notificacións electrónicas a cidadáns e empresas.

Máis servizos, menos custe e máis investimento

O actual contrato de telecomunicacións da Xunta, entrou en vigor en 2015, conseguindo un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros para acadar importantes melloras e reforzar a rede corporativa, que proporciona servizo de internet, telefonía fixa e móbil a 3.000 centros da Administración autonómica.

Entre as melloras contempladas está o incremento en máis dun tripe de media o ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 Gigas da capacidade do acceso a internet da rede corporativa. Tamén se están a integrar na rede corporativa os servizos de telefonía de preto de 1.400 centros públicos, o que mellorará a xestión das telecomunicacións e do servizo co que contan.
 

Data de actualización: 31/07/2018