A Xunta destina 10.000 euros a unha actuación para a protección do dominio público hidráulico no concello de Dodro

Os traballos consistirán na modificación do leito dun regato no lugar de Sar, o que permitirá mellorar as condicións para facer fronte a posibles enchentas

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que o concello executará os traballos e Augas de Galicia asumirá o custo
 

Santiago, 8 de agosto de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que Augas de Galicia destinará 10.333,19 euros á modificación do leito dun regato afluente do rego Manselle, no lugar de Sar.

O obxectivo das obras é mellorar a capacidade actual de desaugue do regato e as condicións para facer fronte a posibles enchentas. Estes traballos, que executará o propio concello de Dodro a través dunha subvención directa da Administración hidráulica de Galicia, enmárcanse nas medidas de protección e de conservación do dominio público hidráulico impulsadas pola Xunta en colaboración cos concellos.

Concretamente, as obras consistirán na substitución de dúas tubaxes de 300 mm de diámetro que se atopan nun camiño de servizo da autovía AG-11 por un tubo de 1.000 mm, reducindo deste xeito o risco de atascamentos. Ademais, realizarase o desprazamento do leito do rego cara ao norte, de modo que discorra polo límite entre o solo de núcleo rural e o solo rústico.

A canalización será a ceo aberto e as paredes e o leito serán o propio terreo. Para permitila comunicación entre as dúas partes da finca, colocarase un paso formado por tubos de 1.000 mm de diámetro e 4 metros de lonxitude.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2018