O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe ao centenar de mozos e mozas entre os 13 e os 15 anos de idade que se dan cita no albergue Area
A Xunta fomenta o ocio formativo e o contacto coa natureza a través dun campamento xuvenil de verán en Viveiro

A programación do campamento inclúe un amplo abano de actividades, como aula de natureza mariña, snorkel, wakeboard ou paddle-surf, entre outras

Investíronse máis de 45.000 euros na mellora e adecuación das instalacións xuvenís nas que ten lugar esta acción de verán

Máis de 2.200 rapaces e rapazas pasarán polos campamentos e campos de traballo programados esta tempada estival na provincia de Lugo

Estas accións forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas distribuídas por toda a xeografía galega, case 300 máis que na anterior edición
 

Viveiro (Lugo), 8 de agosto de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, pasou parte da xornada de hoxe cos mozos e mozas que se dan cita no campamento ‘Naturea: ambiente mariño e náutica’ que se desenvolve no albergue xuvenil Area, en Viveiro. Un grupo de 100 participantes con idades comprendidas entre os 13 e os 15 anos, dos cales 25 proceden da comunidade de Castela e León, desfrutan estes días dun amplo programa de ocio formativo e da práctica deportiva sempre en contacto coa natureza no marco desta acción que forma parte da Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia.

Durante a súa visita, Rey Varela, coñeceu de primeira man o amplo abano de posibilidades que teñen os rapaces e rapazas que comparten experiencias neste campamento: vela, windsurf, wakeboard, kaiak, aula natureza mariña, snorkel, obradoiro de stop motion, tiro con arco, xeocaptura, longboard, raid brúxula, skimboard, paddle-surf, cometas de tracción e volei praia. Así mesmo, comprobou o resultado das obras de mellora e acondicionamento levadas a cabo nestas instalacións xuvenís e nas que a Xunta investiu máis de 45.000 euros. Esta posta a punto de cara a presente tempada de verán consistiu na reparación do tellado e limpeza de canlóns, limpeza e saneamento de paramentos, reparación e pintado de falsos teitos, reparación da acometida de saneamento, substitución da carpintería interior, reparacións de pasamáns ou supervisión e selado da carpintería exterior, entre outras intervencións.

En declaracións aos medios, o conselleiro salientou que, de novo, a Campaña de Verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

En toda a provincia de Lugo un total de 1700 rapaces e rapazas entre os 9 e os 17 anos pasarán, en distintas quendas e agrupados por idades, polos 26 campamentos que están programados nas instalacións que a Xunta ten en Viveiro, Portomarín, Ribadeo, Palas de Rei, Lugo, Os Peares e no albergue municipal de Quiroga. A esta oferta súmase a dos campos de traballo e a concertada, ata facer un total de 2.235 prazas para o conxunto da provincia, 80 máis que o ano pasado, o que supón un incremento do 4%. Soamente polo albergue xuvenil Area pasarán preto de 400 nenos e nenas de 13 a 17 anos nas catro quendas que están previstas celebrar.

Oferta en toda Galicia

No conxunto de Galicia, os campamentos organizados para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2018