Conde salienta no Porriño que a formación para o emprego é a ferramenta clave para avanzar no camiño da inclusión

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións do centro especial de emprego da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (Aceesca)

Destaca o labor desenvolvido por esta entidade na inserción laboral dos seus usuarios en áreas como a xardinería, a limpeza ou a xestión de residuos e o seu esforzo por ofrecer unha formación que adapte as súas capacitacións ás necesidades reais

A Xunta destina este ano 14,6M€ para promover o emprego entre as persoas con discapacidade como as axudas para os centros especiais de emprego ou os programas de incentivos para o fomento da contratación

O Porriño (Pontevedra), 9 de agosto de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Porriño que a formación para o emprego é a ferramenta clave para avanzar no camiño da inclusión, durante a visita que realizou ás instalacións da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (Aceesca).

Así, insistiu na aposta que a Xunta está a facer por adaptar a formación que ofrece ás necesidades reais das empresas e aos novos perfís profesionais, contando, para conseguilo, coa colaboración do tecido empresarial. Ademais, lembrou que neste camiño estase a prestar especial atención aos colectivos con máis dificultades para lograr a súa integración na sociedade a través da súa inserción laboral.

Conde destacou o labor desta entidade, que leva máis de 30 anos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, dando servizo a 11 concellos a través dunha plantilla na que o 70% dos traballadores son persoas con discapacidade intelectual.

Na súa visita o conselleiro puido coñecer o traballo que se desenvolve no centro especial de emprego, que está a facilitar a inserción laboral dos seus usuarios en áreas como a xardinería, a xestión de residuos, o transporte adaptado ou a limpeza, entre outros; así como o servizo de emprego que ofrece formación para adecuar as capacitacións dos alumnos e alumnas ás necesidades reais.

Neste sentido, Conde fixo fincapé na importancia que os centros especiais de emprego están a ter na inserción laboral e integración deste colectivo e na mellora da súa calidade de vida. Avanzou que a Xunta manterá o seu compromiso con estes centros cunha nova convocatoria de axudas á que destinará 12,4M€ para apoiar os postos de traballo das 2.500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos, crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio.

Esta liña forma parte da aposta que o Goberno galego está a facer por crear un emprego de calidade e inclusivo- desde 2015 Galicia suma un 37,6% máis de persoas con discapacidade activas-, e enmárcase na Axenda 20 xunto con outras iniciativas como os programas de incentivos para o fomento da contratación, cuxo prazo está aberto ata o 15 de outubro; ou unha nova iniciativa de apoio para a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que está a punto de convocarse. En total, este ano destínanse 14,6M€ para promover o emprego de persoas con discapacidade.

Conde finalizou incidindo na necesidade de sumar a implicación do sector público, o compromiso do tecido económico e dos centros e a divulgación e concienciación social para seguir dando pasos na inclusión.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2018