A Xunta financia con preto de 630.000 euros a contratación de orientadores laborais en concellos e entidades da provincia de Ourense

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de resolver a convocatoria deste programa, a través do cal se beneficiarán 16 concellos e mancomunidades, así coma 6 entidades da provincia de Ourense

A través destas axudas serán contratados un total de 32 técnicos de orientación laboral
 

Ourense, 9 de agosto de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de resolver a convocatoria das axudas para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral por parte de concellos, confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de orientación laboral.

A delegada territorial, Marisol Díaz, subliñou que a través deste programa serán 32 os orientadores laborais que se contratarán ou renovarán, contribuíndo con esta medida a facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas.

Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria garante o mantemento deste servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia. Trátase dun instrumento para promover a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas.

Estes profesionais encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Segundo informou a Delegada Territorial, na provincia de Ourense resultaron beneficiarios os concellos de Parada de Sil, Ribadavia, Monterrei, Celanova, Bande, Pereiro de Aguiar, Cualedro, Porqueira, Ourense, O Carballiño, Castro Caldelas e Allariz, ademais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, a de Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e a de Santa Águeda.

No que atinxe a entidades, resultaron beneficiarias a Confederación Empresarial de Ourense, Valoresc, Asociación Empresarial de Valdeorras, Asociación de Centros Homologados, Apetamcor, e coma novidade este ano resultou tamén beneficiaria a Asociación Polígono San Cibrao.

A contía máxima da axuda concedida será de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, sendo de 28.000 euros no caso das entidades sen ánimo de lucro de atención a persoas con discapacidade.

Díaz Mouteira indicou que con estes investimentos tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego, asi como potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Aos orientadores que traballan nos concellos e entidades súmanse os do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Deste xeito, na actualidade, o servizo de orientación laboral de Galicia está composto por máis de 520 técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada.

Este servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.

Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Axenda 20 coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Preténdese poñer en marcha, entre outras medidas, un novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.

Data de actualización: 09/08/2018