A Xunta iniciará a vindeira semana as obras de mellora no paso superior da autoestrada AG-55, nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños

Estas actuacións consistirán na ampliación do paso superior executado sobre a AG-55 para dar continuidade á vía local A Pedra - O Sixto, que comunica Sobreira, no Concello de Zas, e Nantón, no de Cabana de Bergantiños

A Xunta, mediante estes traballos, dá resposta a unha solicitude dos veciños da contorna, ampliando a zona transitable para poder realizar os seus percorridos con maior comodidade e seguridade

Os traballos incluirán a execución dunha senda na marxe dereita, que se protexerá da calzada cunha barreira de seguridade e contará cunha varanda

Para mellorar a visibilidade está previsto modificar a pendente da rampla en sentido Sobreira
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), comezará a vindeira semana a execución das obras de mellora no paso superior da autoestrada AG-55, nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños.

Estas actuacións, cun prazo de execución dun mes aproximadamente, consistirán na ampliación do paso superior executado sobre a AG-55 para dar continuidade á vía local A Pedra - O Sixto, que comunica os lugares de Sobreira, no Concello de Zas, e Nantón, no de Cabana de Bergantiños.

A Xunta, mediante estes traballos, dá resposta a unha solicitude dos veciños da área, ampliando a zona transitable para poder realizar os seus percorridos con maior comodidade e seguridade.

No marco destas obras, está previsto reordenar a sección transversal no paso superior, para o que se retirarán na marxe dereita o pretil e as balizas existentes, se executará unha senda peonil, que se protexerá da calzada cunha barreira metálica de seguridade e que contará cunha varanda para a protección dos peóns na marxe exterior.

Ademais, para mellorar a visibilidade está previsto modificar a pendente da rampla en sentido Sobreira. Nesta zona tamén se ampliará a berma para xerar unha área máis cómoda para o tránsito peonil.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas e seguras que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
 

Data de actualización: 11/08/2018