A Xunta destina preto de 400.000 euros á contratación de 17 orientadores laborais que prestarán servizo en concellos lucenses e na CEL

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que se concede unha axuda xeral de 25.000 euros por cada contrato a tempo completo durante un ano
 

Lugo, 10 de agosto de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 394.000 euros a financiar a contratación de 17 orientadores laborais que prestarán servizo noutros tantos concellos lucenses e na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta concede unha axuda xeral de 25.000 euros por cada un deles sempre que sexan a tempo completo e por un ano de duración.

A Consellería incrementou nun 15 por cento o orzamento destinado aos concellos con respecto ao pasado ano, alcanzando un investimento a 343.800 euros e elevando de 12 a 14 o número de contratos subvencionados. Así, disporán dun orientador os concellos de Viveiro, Vilalba, Portomarín, Sober, Cervo, Sarria, Carballedo, Quiroga, Burela, Ribadeo, Monforte de Lemos. Igualmente o de Cervantes, que comparte un técnico mediante convenio con Becerreá e Pedrafita do Cebreiro, e os de Láncara, Triacastela e O Corgo, que tamén contratan conxuntamente un orientador.

Pola súa banda, a CEL recibe 50.000 euros para a contratación de tres técnicos na materia. Estes orientadores súmanse aos do Servizo Público de Emprego de Galicia, estendendo así unha rede de especialistas que pretenden mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

No conxunto da comunidade, a Xunta apoia este ano con preto de 6 millóns de euros a contratación ou mantemento de 244 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro, o que supón un 1,3 por cento máis de investimento que o pasado ano.

Data de actualización: 10/08/2018