Medio Rural achegou máis de 250.000 euros para financiar as novas instalacións da cooperativa O Rodo de Rodeiro

A conselleira Ángeles Vázquez presidiu hoxe a inauguración da nova nave para maquinaria e da gasolineira postas en marcha por esta sociedade, que agrupa máis de 300 socios

A titular de Medio Rural destacou a vocación gandeira de Rodeiro, que conta cun censo de máis de 14.400 vacas e recibe anualmente da PAC case 2,8 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou hoxe na inauguración das novas instalacións da cooperativa O Rodo, na localidade pontevedresa de Rodeiro, que contaron co apoio da Xunta cunha achega global de máis de 250.000 euros. Neste acto salientou a vocación “eminentemente gandeira” deste municipio que, lembrou, conta cun censo de máis de 14.400 reses de vacún e que recibe anualmente axudas da PAC por importe de case 2,8 millóns de euros.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou tamén que Rodeiro rexistrou nos últimos cinco anos preto de 50 incorporacións de mozos ao agro, o que dá idea, dixo, da importancia que o sector primario ten neste concello, unha actividade “que conta ademais coa tan ansiada renovación”, aseverou.

A titular de Medio Rural cualificou como “importantes” as novas instalacións desta cooperativa, por unha banda unha nova nave para gardar maquinaria agrícola e por outra unha gasolineira que, indicou, “permitirá aos cooperativistas repoñer combustible de maneira económica, reducindo así os custes de produción”.

Cooperativa O Rodo

A cooperativa O Rodo conta na actualidade con máis de 300 socios e integra arredor de 185 explotacións de leite e algo máis de 40 ganderías centradas na produción de carne. Ofrece aos seus asociados diferentes servizos, entre eles a xestión da venda de leite e pensos, tenda agraria, prestacións de substitución, calidade do leite e asesoramento, veterinaria e maquinaria en común. A súa zona xeográfica esténdese principalmente polo propio concello de Rodeiro, pero conta tamén con socios en Dozón, Piñor, Taboada e Antas de Ulla.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/08/2018