Sanidade aposta polo diálogo para abordar a dotación de prazas e o calendario laboral do persoal que traballa nos Puntos de Atención Continuada

A comisión técnica na que se tratan estes temas ten prevista a súa próxima xuntanza para o mes de setembro
 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade aposta, unha vez máis, polo diálogo, para abordar o tema da dotación de prazas e o calendario laboral así como cuestións da distancia e dispersión que afectan ao persoal que traballa nos Puntos de Atención Continuada do Servizo Galego de Saúde. O departamento sanitario galego lembra que, para o vindeiro mes de setembro, está previsto unha nova xuntanza da Comisión Técnica, constituída para analizar estes asuntos.

Así pois, coa reunión prevista para o próximo mes, da que forman parte as direccións xerais de Asistencia Sanitaria e Recursos Humanos do Sergas, os representantes dos traballadores dos PACs, ademais da representación sindical destes profesionais, a Administración sanitaria galega ratifica o seu compromiso de diálogo co persoal, así como de análise das súas reivindicacions.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña quere destacar, tamén, ademais da súa aposta polo diálogo, o magnífico labor que están a realizar os profesionais que traballan nos Puntos de Atención Continuada, que desenvolven unha importantísima tarefa para o sistema sanitario galego e para a nosa sociedade. Este traballo queda reflectido nas máis de 1.548.000 urxencias atendidas no 2017 nos 90 PACs emprazados ao longo da xeografía galega; ou as máis de 767.000 urxencias atendidas nos seis primeiros meses deste ano. Todo elo cun alto índice de resolucion, de máis dun 90%, sen necesidade de derivar a un hospital.

O Servizo Galego de Saúde tamén fai un chamamento á cidadanía galega para que siga confiando como ata o de agora nestes dispositivos asistenciais, que cada día prestan atención sanitaria a unha media de 4.000 persoas.

Sanidade quere reiterar, igualmente, o seu compromiso de seguir acadando maiores cotas de estabilidade do seu persoal e de manter a taxa de substitución do seu cadro de persoal. Así, as ofertas públicas de emprego dos últimos anos centráronse na categoría de médicos, especialmente de primaria. Ao respecto, o vindeiro mes de novembro, celebraranse as probas para cubrir 214 prazas de médico de familia. Destacar, neste senso, que o plan de estabilidade elaborado polo Sergas reducirá a eventualidade ao 5% no ano 2020.

Cómpre subliñar que a sanidade pública galega conta, a día de hoxe, con 1.544 profesionais máis que hai nove anos (36.506 en 2008 e 38.050 en 2017). Asemade, o número de médicos de familia incrementouse nun 7% pasando de 2.434 no ano 2008 a 2.601 en 2017.

O Sergas incide, tamén, que está a incrementar a oferta de prazas MIR, e o ano pasado realizouse a maior oferta dos últimos anos, alcanzando as 394. A especialidade de médico de familia e comunitaria foi de 98 prazas, 6 máis que en 2016. Igualmente, ampliouse a idade de xubilación dos profesionais ata os 68 anos e creáronse as especialidades de enfermería de familia e pediatría.

Remarcar, por último, que a falla de médicos é un problema que afecta non só ao Sergas senón a todo o Sistema Nacional de Saúde e, ao respecto, Galicia participa nun grupo de traballo formado polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para abordar esta cuestión.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/08/2018