A Xunta destaca en Ordes que os obradoiros duais ofrecerán apoio para a contratación en prácticas nunha empresa local

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura do obradoiro Ordes-Frades II da convocatoria 2017/2018 no que 20 desempregados formáronse e obtiveron un contrato laboral durante 9 meses

As especialidades deste programa, no que os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade, foron albanelería e xardinería

Ordes (A Coruña), 13 de agosto de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura do obradoiro Ordes-Frades II no que un total de 20 persoas sen emprego, na súa gran maioría mulleres, recibiron cualificación e obtiveron un posto de traballo durante 9 meses nas especialidades de albanelería e xardinería. Trátase dun programa que apoia a Xunta coa colaboración dos concellos. Neste caso, a Administración autonómica financiou a iniciativa con preto de 280.000 euros.

A través deste obradoiro de emprego, os seus participantes desenvolveron en Ordes o acondicionamento da antiga escola de Parada e do local social do Mesón do Vento, ao tempo que levaron a cabo a mellora, conservación e instalación dun aseo na Estación da Pontraga, en Parada. Así mesmo, fixéronse obras na parcela situada entre as rúas de Frades e Cerceda e no parque infantil Pilar Martínez Viqueira e se mellorou o paseo Ramiro Recouso Liste.

En Frades, pola súa banda, acondicionouse o local social de Vedral en Abellá; as prazas de Añá, Moar e Pontecarreira; o local social de Papucín; e a área de Añá. Ademais, levouse a cabo o mantemento e conservación das áreas de Ponte Carballa en Abellá, A Presa en Ledoira e os pasos en Aiazo.

En total, en toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego. Na provincia da Coruña, desenvolvéronse 24 obradoiros de emprego.

A partir do mes de setembro e, tal e como avanzou Toca, iniciarase unha nova edición deste programa. Na convocatoria 2018/2019 activaranse os novos obradoiros duais de emprego cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2350 persoas desempregadas. A Administración autonómica destinará en total 29,6M€.

O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses, como o que se clausurou hoxe en Ordes. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

A través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Nos obradoiros duais de emprego terán preferencia os Concellos Emprendedores, como son Frades e Ordes. Darase, ademais, prioridade aos desempregados con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, como os mozos e mozas menores de 30 anos; os emigrantes retornados; as mulleres, en especial, as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; os parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carezan de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3, nos que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Toca destacou a importancia destes programas salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permita iniciar os seus propios proxectos.

A importancia da colaboración

A secretaria xeral de Emprego tamén suliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, indicando que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños. De feito, neste obradoiro impártese unha formación acorde ao tecido empresarial do territorio.

Toca, por último, referiuse á convocatoria destinada aos obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade nos que a Xunta investirá 3,4M€ para beneficiar a máis de 350 desempregados menores de 30 anos que teñen que estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Con este orzamento, prevese a posta en marcha a partires de setembro de 22 obradoiros. Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, un contrato de aprendizaxe durante 9 meses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/08/2018