Balseiro entregou os diplomas aos 16 participantes no obradoiro que emprendeu a recuperación do Mirador Os Paredones, en Mondoñedo

O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 224.000 euros neste proxecto

Lembrou que a partir de setembro iniciarase unha nova edición coa novidade dos obradoiros duais, que inclúen prácticas en empresas locais

Mondoñedo (Lugo), 14 de agosto de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos alumnos traballadores que participaron no obradoiro de emprego que se encargou de poñer en marcha os traballos de recuperación do Mirador Os Paredones, en Mondoñedo.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 224.000 euros no proxecto, promovido pola Deputación Provincial para recuperar estas instalacións. No obradoiro traballaron 20 persoas, 16 delas alumnos que recibiron formación teórica e práctica na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Na entrega de diplomas participaron tamén a deputada provincial Mayra García e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, entre outros.

Nesta primeira fase de actuación, o obradoiro realizou labores de acondicionamento interior, retirando mobiliario e elementos deteriorados para repoñelos por outros novos, e tamén se actuou sobre os paramentos exteriores e mesmo na contorna, en zonas como o aparcadoiro ou a zona peonil.

Nova convocatoria

Balseiro avanzou que a Xunta iniciará a partir do mes de setembro unha nova edición do programa de obradoiros de emprego, que presenta como novidade os obradoiros duais, cos que prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas en Galicia. A Administración autonómica destinará en total a esta iniciativa 29,6 millóns de euros.

O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas durante tres meses máis -como mínimo- nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. Terán prioridade os obradoiros vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/08/2018