Portos de Galicia recolleu máis de 25.000 quilos de residuos dos fondos mariños dos peiraos da costa cantábrica

O ente público vén de rematar unha nova edición do plan de limpeza de dársenas na Zona Norte con actuacións en Morás (Xove), O Barqueiro, Cedeira, Celeiro (Viveiro) e Cariño

Santiago, 16 de agosto de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, recolleu ao longo das últimas semanas máis de 25.000 quilos de residuos dos fondos mariños da costa Cantábrica das provincias da Coruña e Lugo. Así o recolle o informe do organismo portuario de balance das actuacións de limpeza desenvolvidas polo departamento administrativo de zona norte do ente público.

Estas actuacións enmárcanse na quinta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras e que este ano na costa Cantábrica tivo lugar nos portos de Morás (Xove), O Barqueiro, Cedeira, Celeiro (Viveiro) e Cariño. Este plan desenvólvese de xeito periódico co obxecto de acadar peiraos máis sustentables dende o punto de vista ambiental.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola súa caída accidental ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encarga da limpeza nas dársenas está formado por entre tres e cinco mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais a empresa está coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que ten preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realiza a súa xestión selectiva.

Nas limpezas realizadas este ano na zona norte, correspondente á costa Cantábrica, recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata troncos de grandes dimensións. Por peiraos, en Morás recolléronse 300 quilos de residuos; no Barqueiro, 8.000; en Cedeira, 4.000; en Celeiro, 6.000; e en Cariño, 7.000.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/08/2018