Conde salienta as perspectivas da industria forestal en Galicia vinculadas á innovación e ao deseño

Destaca que a innovación é fundamental para mellorar os rendementos, a calidade, a seguridade laboral e o posicionamento no mercado

Sinala que o obxectivo desta industria debe ser o de apostar por novos produtos e servizos que dean valor engadido a unha materia prima de excelente calidade como é a madeira galega

Lembra que unha das últimas medidas aprobadas pola Xunta neste ámbito foi o plan de formación específico para fomentar o emprego cualificado neste sector ou unha liña de axudas para adquirir nova maquinaria

Afirma que a Lei de implantación empresarial contribúe a impulsar a competitividade da industria forestal porque establece unha maior simplificación na tramitación das autorizacións de corta
 

Baralla (Lugo), 3 de setembro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe as boas perspectivas que ten ante si o forestal en Galicia vinculadas á innovación e ao deseño. Así o manifestou durante unha visita en Baralla ás novas instalacións da empresa luguesa Carronza, da que destacou a súa aposta pola mellora continua do sistema de procesado da madeira.

Conde indicou que se trata dunha empresa que está a innovar nun sector tradicional en Galicia como é a industria forestal, o que lle ten permitido automatizar todo o sistema de produción, mellorar o aproveitamento da biomasa e abrirse mercado noutros países.

O conselleiro indicou que a innovación é fundamental para mellorar os rendementos, a calidade, a seguridade laboral e o posicionamento no mercado. O obxectivo desta industria, salientou, debe ser o de apostar por novos produtos e servizos que dean valor engadido a unha materia prima de excelente calidade como é a madeira galega.

Ao respecto, lembrou que unha das últimas medidas aprobadas pola Xunta neste ámbito foi o plan de formación específico para fomentar o emprego cualificado neste sector. E tamén mencionou a liña de axudas de 8,2 millóns de euros para que as empresas da cadea monte-industria poidan adquirir nova maquinaria.

Son medidas, precisou, para mellorar a competitividade desta industria, ao que contribúe, tamén, a Lei de implantación empresarial, que establece unha maior simplificación na tramitación das autorizacións de corta. De feito, sinalou que Lugo foi a provincia española onde máis madeira se cortou en 2017.

Conde asegurou que estas medidas van encamiñadas a impulsar a modernización dunha industria que, o pasado ano, exportou 800 millóns de euros, e que abrangue 3000 empresas que moven máis de 2000 millóns de euros ao ano. E, nese sentido, concluíu asegurando que o obxectivo do Goberno galego é poñer en valor a competitividade das empresas e axudalas a ser máis innovadoras e a conquistar novos mercados.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/09/2018