A Xunta comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria de Fisteus, no Concello de Curtis

En paralelo xa comezaron as obras da nova rede de camiños que costará 2,3 millóns de euros

Trátase da reorganización territorial máis grande levada a cabo en Galicia, con preto de 4.000 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria da zona de Fisteus, en Curtis. Deste xeito, ponse en coñecemento dos interesados este paso que implica que xa están rematados os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras.

Este proceso de reorganización territorial, o primeiro que se executa en Curtis, é o máis grande que se levou a cabo en Galicia con 3.938 hectáreas e unhas 10.000 parcelas. Del beneficiaranse máis de mil veciños.

Ademais, xa teñen comezado os traballos previos para a execución da rede de camiños, contratados por case 2,3 millóns de euros. Falamos de máis de 55 quilómetros dos que 2,3 estarán asfaltados e 52,9 serán de saburra. Ademais, súmanse a esta estrutura os quilómetros de aproveitamento de rede viaria existente: 18,6 km de estradas nacionais e provinciais e 59 km de estradas municipais. O prazo de execución dos traballos é de 18 meses.

Xa está contratada tamén a elaboración do acordo e a colocación dos marcos, por 412.600 euros, para definir os novos predios. Este orzamento súmase aos 901.779 euros destinados ás asistencias técnicas e aos 2,3 millóns das obras de camiños. En total, vanse a realizar neste proceso de reorganización territorial investimentos por máis de 3,6 millóns de euros.

(Enlace á publicación no DOG)
 

Data de actualización: 12/09/2018