A Xunta pon en marcha un novo programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

Aberto hoxe o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa que se desenvolverá na última semana de setembro e a primeira de outubro

As persoas que resulten seleccionadas realizarán tarefas de mellora e conservación deste privilexiado espazo ambiental

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural pon en marcha un ano máis o programa de voluntariado ambiental Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Ons. A finalidade desta iniciativa é sensibilizar e infundir nas persoas participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación etnográfica, medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional.

Este ano terá lugar a sexta edición, desenvolvéndose en quendas de cinco días de luns a venres na última semana de setembro (do 24 ao 28) e na primeira de outubro (do 1 ao 5). Participarán seis persoas voluntarias e un coordinador de voluntariado, aloxándose nas instalacións do albergue xuvenil. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado seleccionará ás persoas voluntarias, para o que desde hoxe 12 de setembro está aberto o prazo de inscrición a través da páxina web de voluntariado.

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é o espazo con maior grado de protección ambiental de Galicia, cuns recursos naturais, paisaxísticos, culturais e etnográficos que son necesarios coñecer, valorar e conservar. As persoas voluntarias perciben dende unha óptica diferente, con respecto á maior parte dos visitantes, sobre a riqueza e problemas ambientais presentes, converténdose inconscientemente en divulgadores ambientais das diferentes problemáticas presentes na illa.

Os obxectivos que se pretenden acadar con este novo programa son: formar ás persoas voluntarias no recoñecemento e eliminación de especies exóticas invasoras, na interpretación do patrimonio natural e na fauna e flora existente; valorizar os recursos naturais do parque natural; retirar os refugallos derivados da actividade humana e empresarial e mellorar as condicións abióticas dos ecosistema costeiros. Os participantes tamén colaborarán co persoal do parque nas labores para as que sexan requiridos e nos estudos científicos que demanden a súa intervención, ademais de desfrutar dos espazos naturais locais dunha maneira respectuosa e sostible.

A acción voluntaria prevista neste programa desenvolverase cun máximo de 5 días á semana. O programa inclúe aloxamento e pensión completa; programa de actividades e monitores; seguro de accidentes e de responsabilidade civil e desprazamento ata a illa

Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade. Ao finalizar a súa participación neste programa, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un diploma acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

No ano 2016 emitíronse un total de 11 certificados de experiencias voluntarias e na actualidade xa contamos cun total de 618, correspondentes a acción desenvolvidas ao longo do ano 2017, o que supón un incremento considerable con respecto ao ano anterior.

Así mesmo, no ano 2017 o número de accións voluntarias depositadas aumentou un 56% e o 79% das persoas voluntarias que depositaron as súas experiencias solicitaron a emisión do certificado de acción voluntaria que acredita as competencias adquiridas co obxecto de mellorar a súa empregabilidade e proxección de futuro no mercado laboral.

Data de actualización: 12/09/2018