O director de Inclusión Social, Arturo Parrado, acudiu á clausura dun curso promovido polo programa de emprego de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol
A Xunta impulsa a formación para acadar a empregabilidade e a inclusión real de todos os galegos na sociedade

O titular do departamento autonómico asegurou que a Administración autonómica seguirá a traballar en prol das persoas e familias máis vulnerables con políticas activas de apoio e integración

Ferrol, 12 de setembro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, participou hoxe na clausura do curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, un curso promovido polo programa de emprego de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e que se desenvolveu no Centro de formación ocupacional de Ferrol.

Alí, o titular do departamento autonómico felicitou aos asistentes a esta acción formativa que axudará á súa empregabilidade de cara a acadar unha inclusión real e efectiva.

Ademais, o titular do departamento autonómico asegurou que a Xunta seguirá a traballar en prol das persoas e familias máis vulnerables con políticas activas de apoio e integración, como o Plan de Inclusión, cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Así mesmo, seguirase reforzando a orde de axudas a entidades de iniciativa social. De feito o importe desta orde multiplicouse por dous nas últimas tres convocatorias ata acadar na actualidade os 15 millóns de euros. E, ademais, estase a traballar no eido da inclusión a través da aplicación das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia, instrumento para combater a pobreza e a exclusión consensuado cos concellos e as entidades sociais.

Data de actualización: 12/09/2018