Máis de 325.000 persoas visitaron este verán as illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, un 4% máis que en 2017

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para avanzar os datos de visitantes rexistrados nos meses de xuño, xullo e agosto, “cifras preliminares” á espera do peche dos datos de setembro

Agosto foi o mes de maior afluencia no conxunto das catro illas e destaca o incremento dun 91% de visitantes á Illa de Sálvora

A illa de Cíes segue a ser a de maior afluencia do parque, con 205.168 visitantes, un 8,2% máis que no 2017

Explicou que o sistema de acceso ás Cíes “funcionou con total e absoluta normalidade” e agradeceu a colaboración cidadá para adaptarse ao novo sistema de acceso e evitar os problemas de superación cupo detectados o verán pasado

Ana María Díaz avanza que a finais de setembro se celebrará unha reunión do padroado do Parque, no que se presentará o texto final do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque das Illas Atlánticas

Vigo, 13 de setembro de 2018
  • whatsapp

Un total de 325.417 persoas visitaron entre xuño, xullo e agosto unha das catro illas que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta cifra preliminar foi aportada esta mañá pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a rolda de prensa para presentar o balance de visitas ás illas do Parque Nacional, onde indicou que se trata de “cifras preliminares”, á espera do peche das bases de datos co fin da campaña no mes de setembro.

Tal e como explicou a directora xeral, o total de visitantes ás illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora tradúcese nun incremento dun 4,1%, respecto do ano anterior, cando se rexistraron un total de 312.420. A modo xeral, no conxunto das catro illas, agosto foi o mes no que se rexistrou un maior número de visitantes; mentres que nos meses de xuño e xullo incluso estivo por debaixo das cifras rexistradas o ano anterior ou con incrementos leves.

Destacou o número de visitantes no mes de agosto na Illa de Sálvora que experimentou un incremento dun 91%, ao pasar do 3.483 visitantes aos 6.654 en agosto de 2018. Outro dato que vén sendo habitual cada verán é que Cíes segue a ser a illa con maior afluencia do parque, con 205.168 visitantes, un 8,2% máis que en 2017.

Ana María Díaz detallou que do global de visitantes de Cíes un total de 144.419 accederon mediante o transporte en navieiras para visitas durante o día e 17.954 fixeron pernocta no camping; é dicir, mais de 160.000 persoas se adaptaron ao novo sistema de acceso implantado pola Xunta, e trasladou o agradecemento a todos os visitantes adaptarse aos trámites, porque grazas a esta dinámica a Xunta evitou os problemas detectados o verán pasado. Engadiu que en termos xerais o sistema de control funcionou axeitadamente, permitindo o correcto control da cota de acceso. Non obstante, a Xunta analizará as suxestións dos usuarios para facer cambios no deseño para facer se cabe máis intuitivo e navegable o proceso.

En canto á procedencia dos visitantes de Cíes, un 79% foron españois, fronte ao 21% estranxeiros. Dos visitantes españois, un 36% son galegos, sendo os pontevedreses -un total de 60.013-, seguidos polos coruñeses (16.146), ourensáns (4.425) e lucenses (3.125), os que máis visitan ás Cíes.

A continuación detállanse os datos de visitas:

 
Illa
Cíes
Ons
Mes
Xuño
Xullo
Agosto
Xuño
Xullo
Agosto
2018
44.932
73.408
86.828
9.601
31.920
55.841
2017
47.609
82.525
80.225
8.100
29.850
46.226
%
-5,62%
-11,05%
+8,23%
+18,53%
+6,93%
+20,80%
Total 2018
205.168
 
97.362
 
Illa
Sálvora
Cortegada
Mes
Xuño
Xullo
Agosto
Xuño
Xullo
Agosto
2018
2.536
3.653
6.654
2.201
3.214
4.629
2017
3.618
2.750
3.483
2.129
2.980
2.925
%
-29,91%
+32,84%
+91,04%
+3,38%
+7,85%
+58,26%
Total 2018
12.843
10.044

Plan reitor de usos e xestión

A directora xeral de Patrimonio natural tamén avanzou que a finais de setembro se celebrará unha reunión do Padroado do Parque, para presentarlle o texto final do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional. Recordou que este documento foi sometido a información pública e se presentaron un total de 87 alegacións, que na actualidade se está a rematar a valoracións das mesmas.

Indicou que unha vez superado dito trámite o proxecto de decreto polo que se aproba o PRUX someterase aos informes preceptivos, entre os que se atopan o do Comité de Coordinación e Cooperación de Parques Nacionais, o do Consello da Rede de Parques e o do Consello Galego de Medio Ambiente. Indicou que as previsións coas que traballa o departamento de Medio Ambiente son aprobar este mesmo ano o Decreto do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo-Terreste das Illas Atlánticas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2018