Galicia defende ante a representante do equipo da UE a necesidade de que a pesca ocupe un lugar central nas negociacións sobre o brexit

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe unha reunión do Grupo Operativo sobre o Brexit da Comisión do Arco Atlántico que coordina a Fundación Galicia Europa

No seo da reunión, unha representante do equipo negociador do brexit na Comisión Europea explicou o estado actual das negociacións

A Alianza Europea pola Pesca expuxo o labor que está a desenvolver para defender este sector nas negociacións
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018
  • whatsapp

Hoxe reuniuse na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas o grupo que analiza as posibles consecuencias da saída do Reino Unido da UE nas rexións atlánticas. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, explicou o traballo desenvolvido ata o de agora por este grupo así como as preocupacións específicas de Galicia, centradas, esencialmente, nas relacións futuras entre a UE e o Reino Unido en relación coa pesca.

Pola súa parte, Sandra Cavallo, do equipo negociador do Brexit na Comisión Europea, fixo balance do estado actual das negociacións do Acordo de Retirada que se aplicaría entre abril de 2019 e finais de 2020, así como da declaración política que, de xeito paralelo, está a ser negociada para definir a base das relacións futuras entre a Unión Europea e o Reino Unido a partir de 2021. Esta é a segunda vez que un membro do equipo negociador se reúne coas rexións atlánticas para analizar os posibles efectos do Brexit.

O Goberno galego está a defender a necesidade de que o acceso de pesca ás augas británicas forme parte deste acordo global de retirada vinculando este acceso ao dos produtos británicos ao mercado europeo. Segundo varios estudos encargados pola Xunta de Galicia, en caso de non poder acceder a estas augas, un total de 110 buques galegos se verían afectados e o impacto económico directo superaría os 500 millóns de euros, prexudicando a múltiples sectores da economía galega.

Por esta razón, a Xunta de Galicia está a colaborar coa Alianza Europea pola Pesca (EUFA), que reúne ás organizacións do sector que faenan en augas británicas para reivindicar que a pesca sexa unha prioridade política nas negociacións. O presidente desta asociación, Gerard Van Balsfoort, foi invitado a intervir na reunión para explicar como están a defender estes intereses. Segundo os seus cálculos, un eventual peche dos caladoiros británicos afectaría non so á frota senón ao conxunto das comunidades costeiras de toda a UE, nas que poderían chegar a perderse 6.000 empregos.

Jesús Gamallo tamén aproveitou esta reunión para insistir noutras reclamacións, coma a necesidade de manter a cooperación territorial entre as rexións británicas tras a retirada do Reino Unido da UE, ou a demanda dun fondo específico para paliar os efectos que o Brexit poida causar; sobre todo no caso de que se produza sen acordo de retirada.
 

Grupo Operativo sobre o Brexit


Dado que a saída de Reino Unido afecta dunha forma especial ás rexións do Atlántico, Galicia propuxo o ano pasado a creación dun Grupo Operativo específico no seo da Comisión do Arco Atlántico, unha das seis comisións xeográficas nas que traballa a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas. Baixo o liderado da Fundación Galicia Euorpa, este grupo tense reunido seis veces, sendo a de hoxe a sétima xuntanza.

En outubro de 2017 elaborou unha declaración política que sintetiza a posición do Arco Atlántico respecto aos dereitos dos cidadáns, a gobernanza, o futuro da cooperación interrexional atlántica e os aspectos financeiros do Brexit. Posteriormente, as rexións atlánticas uníronse ás do Mar do Norte e ás do Canal da Mancha para emitir un documento máis amplo denominado Declaración de Cardiff, asinada en novembro de 2017 polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que recollía unha serie de mensaxes clave para as institucións europeas e o Goberno británico no momento en que se deu paso ás negociacións sobre a futura relación entre a UE e o Reino Unido. En xaneiro deste ano, unha representación da Comisión do Arco Atlántico reunise co negociador xefe da Comisión Europea, Michel Barnier, para entregarlle en man e explicarlle senllas declaracións.

O grupo reuniuse en dúas ocasións máis este ano para intercambiar información sobre as accións emprendidas polas diferentes rexións europeas de cara avaliar e previr o posible impacto do brexit nas súas economías.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2018